DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arredor de 75 estudantes deseñan, planifican e executan diferentes accións de pedagoxía social

Alumnado de Educación Social achégase á súa profesión co desenvolvemento dunha horta e das Xornadas Interxeracionais

A dinamización comunitaria é unha das súas principais liñas de traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 04/04/2022

Un dos maiores desexos do alumnado que cada curso comeza a estudar unha titulación universitaria é coñecer o antes posible como é a práctica do que será a súa profesión no futuro. Arredor de 75 estudantes de primeiro curso do Grao de Educación Social do campus de Ourense están a vivir xa esta experiencia participando en diferentes accións de pedagoxía social como son unha horta comunitaria e unha nova edición das xa tradicionais Xornadas Interxeracionais que cada ano, antes da pandemia, unían arredor do xogo a alumnado universitario, escolares, maiores e persoas con diversidade.   

Esta programación xorde na parte práctica da materia Educación: Pedagoxía Social, impartida polo profesor Millán Brea na Facultade de Educación e Traballo Social. Segundo explica o docente, a materia conta cunha metodoloxía de aprendizaxe e servizo que permite ao alumnado “adquirir as competencias e habilidades da profesión a través do deseño, a planificación e a execución de actividades relacionadas coa educación social”. Esta fórmula, indica, permítelle aos e ás estudantes unha aprendizaxe práctica desde o inicio dos seus estudos. “En primeiro de carreira xa ven o que é na práctica a súa carreira, teñen que deseñar unha actividade, planificala, buscar os recursos, contactar coa xente, pedir os permisos, executala e aviliala. É ao final un exercicio puro e duro de educación social”, afirma o responsable da actividade. A resposta do alumnado a esta dinámica de aprendizaxe, apunta, “é fantástica, está traballando arreo, están moi motivadas”.

Cita o 21 de abril

O alumnado, na súa maioría mulleres, desenvolve tres accións. A primeira é a recuperación das Xornadas Interxeracionais, que este ano celebrarán a súa edición número 19. Segundo explica Millán Brea, a actividade leva dous anos sen celebrarse debido á pandemia da covid-19 polo que este ano será unha edición especial en canto que supón o seu regreso. “As xornadas non volven porque sexan unha dinámica, volven porque agora mesmo precísanse máis ca nunca este tipo de actividades, é unha necesidade do alumnado, das persoas maiores, de todo a xente”, sinala o profesor. A filosofía desta actividade é a mesma de anos anteriores: xogar sen que a idade sexa un impedimento. “Canto máis necesario é na nosa sociedade rir e xogar a día de hoxe. Temos que volver, con seguridade, a unha rutina na que o interxeracional sexa a base da nosa sociedade e sempre apostando polo xogo”, afirma Millán Brea.

As XIX Xornadas Interxeracionais volverán, o día 21 de abril, a xuntar alumnado universitario, persoas das Aulas de Terceira Idade de Ourense, escolares e persoas con diversidade, ampliando nesta ocasión o número de entidades coas que se colabora. “A xente ten gañas de poder facer algunha actividade máis lúdica como esta”, comenta Millan Brea. O alumnado e as Aulas da Terceira Idade xa están a elaborar o manifesto que abre cada edición desta actividade e xa se está ultimando o programación, que se adaptará á nova realidade derivada da pandemia. “Estase traballando moito nesta edición, estamos moi satisfeitos”, apunta o profesor.

Accións coa comunidade

Outro grupo de Educación Social está a traballar na dinamización da horta comunitaria posta en marcha o pasado ano ao carón do edificio Xurídico Empresarial. “A horta é ao final un proxecto de dinamización comunitaria, a súa misión é ser un espazo onde poder tecer redes coa veciñanza e con entidades”, comenta Millán Brea. Así, indica, participan diversas entidades da contorna, como a asociación de veciños e o centro de día do barrio, ADO Ourense e Trama. “Buscamos establecer redes para que poidan utilizala persoas que non sexan da universidade, queremos estendela a máis membros da comunidade”, sinala o profesor. O desenvolvemento desta horta, apunta, “vai pouco a pouco”, estando na actualidade sementando e habilitando o espazo con diversas zonas.

Por último, e tamén coa colaboración da Asociación da Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, as e os estudantes desenvolven accións de dinamización do campus de Ourense. Entre as levadas a cabo está a elaboración e colocación de cartaces de concienciación sobre temas sociais como o coidado do medio ambiente, a violencia de xénero e a guerra. Outras actividades de dinamización na que participará o alumnado de Educación Social son novas sesións de Auceleando, debates a través dun café, e Xogando a Todo, que cada xoves pola mañá une, arredor dun deporte, a estudantes e membros da Asociación ADO. Cada mes de Xogando a Todo xira arredor dun deporte, como o fútbol sala, o voleibol ou mesmo a danza modera, en función das capacidades do alumnado, e cada sesión reúne a arredor de 20 persoas con diversidade e outras 20 da comunidade universitaria no Espazo Xoven de Ourense.