DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse fronte ao Edificio de Ferro

Alumnado de Educación Social organizou unha xornada de troco

Co obxectivo de fomentar o desenvolvemento sostible entre a comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 20/04/2022

Baixo o lema “se tes algo que trocar e pensas que podes facer algo polo planeta, participa”, alumnado da materia Educación de Persoas Adultas do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social, impartida pola profesora Emilia Seoane, organizou este martes pola tarde unha xornada de troco na entrada do seu centro. Na actividade, as persoas interesadas puideron levar e intercambiar material de troco, como libros e roupa.

Este proxecto, aputaron as alumnas e alumnos promotores, está “motivado polo rol que debemos asumir, en tanto educadoras e educadores sociales, como axentes de cambio da sociedade da que formamos parte e na que debemos participar como suxeitos activos”. A utilización do troco como medio transformador é, explicou o alumnado implicado, “un dos máis favorables para lograr a transformación social e o desenvolvemento sostible da comunidade”. Coa súa realización, detellaron, “promóvese o emprego e a potenciación da denominada economía circular como modelo de producción e consumo que implica compartir, alugar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar materias e productos existentes todas as veces que sexa posible para crear un valor engadido".

Alén do seu interese social, a iniciativa proposta, dende o punto de vista curricular, permitiu ao alumnado participante "desenvolver un gran número de competencias específicas da materia de Educación de Persoas Adultas, así como do grao de Educación Social, potenciando á súa vez as competencias de carácter tranversal que como alumnado universitario, en particular, e como cidadáns, en xeral, deben formar parte do noso acervo”, desde transmitir, promover e desenvolver a cultura da contorna ata a xeración de redes sociais, contextos, procesos e recursos educativos e sociais.