DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado no campus co gallo das Letras Galegas

Alumnado de Educación e Traballo Social únese á homenaxe a Xela Arias

Realizaron audiovisuais inspirados na súa obra poética

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 21/05/2021

A programación co gallo do Día das Letras Galegas no campus de Ourense pechouse este venres cunha homenaxe na que alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social tivo un protagonismo especial. No acto, entre outras accións, proxectouse unha selección de audiovisuais realizados por estudantes partindo da obra poética de Xela Arias. Con eles quíxose remarcar tamén a vinculación da escritora lucense coa docencia e o compromiso social.

A organización do acto, que levou por título Día das Letras Galegas. O Día das Letras con voz de muller, correspondeu á Facultade de Educación e Traballo Social baixo a coordinación do profesorado Ana Iglesias, Isabel Mociño, Fernando Dacosta e Mercedes González e coa colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución, a Área de Normalización Lingüística e o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo. Na benvida, Xosé Manuel Cid, decano da facultade organizadora, subliñou que “resulta emocionante” ver a boa acollida das homenaxes realizadas a Xela Arias non só por parte das institucións senón tamén por parte do alumnado, unha resposta que, indicou, amosa o seu compromiso coa profesión e coa cultura e lingua galegas. Igualmente, Ana Iglesias díxolle ao alumnado presente que a súa boa resposta é síntoma da súa implicación “con nós, coa cultura e coa lingua galega”. Na súa intervención, a profesora achegouse á figura da escritora homenaxeada, da que foi amiga e compañeira de facultade, destacando como foi unha “poeta que se declara inconforme co mundo” e unha “persoa que loitou pola normalización da nosa lingua para que hoxe, entre outras cousas, nos pareza normal ler clásicos universais en galego”. Esta figura rica e poliédrica de Xela Arias tamén foi remarcada no acto por Xosé Soto, vicedecano da Facultade de Filoloxía e Tradución, e por Xandre Rodríguez, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo.

Tamén presente no acto, o fillo da escritora, Darío Gil Arias, trasladou o seu agradecemento ao alumnado por sumarse á homenaxe a súa nai, salientando como no acto celebrado estiveron representadas “case que todas as múltiples facetas que ao longo deste ano se foron recordando da miña nai”, desde a literaria e tradutora ata a docente e a social. “Como estudantes que sodes de Educación e Traballo Social tendes a oportunidade non só de atopar na figura de miña nai un consumo literario senón tamén unha pequena inspiración para levar a cabo o voso traballo cando sexades docentes e traballadores sociais”, díxolle ás e aos asistentes. Neste senso, comentou que “un dos maiores orgullos deste ano” foi ver non só a resposta das institucións senón tamén a dos diferentes niveis educativos e ter a oportunidade de levar a figura de súa nai “máis aló da literatura, que era algo que ela sempre buscaba”.

Vídeos, conferencia e música

Durante o acto proxectáronse diversas pezas audiovisuais realizadas por alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social inspiradas na obra poética de Xela Arias, como Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Intempériome e Darío a diario. Non se tratou, explicou Fernando Dacosta, dunha plasmación literal e literaria da súa obra en formato audiovisual senón que o alumnado partiu da obra da escritora e traballou o que lle suxeriu en cada caso, suscitando a reflexión sobre a “plurisignificacion do acto literario e o artístico”.

A xornalista María Yáñez foi a encargada no acto celebrado este venres no campus de Ourense de ofrecer unha conferencia titulada Tras os pasos de Xela Arias. Nela, explicou ao alumnado presente “os pasos que dei buscando a Xela Arias para facer a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, encargada pola Real Academia Galega neste ano á produtora Miramemira”. A serie documental, composta por seis episodios, permitiulle á xornalista coñecer á escritora homenaxea  a través de moitos testemuños e entrevistas. Froito dese achegamento, María Yañez destaca de Xela Arias, tanto no que respecta á súa vida como á súa obra, “esa independencia e esa busca de ir ao seu aire, de ter unha personalidade propia e un camiño propio”. No caso desta escritora, indicou, “é moi difícil separar a obra da persoa, porque xa desde moi pequena amosou como ten unha gran personalidade, independencia , inconformismo e rebeldía que creo que está presente ao longo da súa, por desgraza, curta vida pero tamén na súa posición e actitude ao escribir”.

Por último, o músico e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Xosé Constenla tocou para as e os asistentes tres pezas do seu último traballo, un disco-libro titulado O globo vermello, feito, tal e como explicou, durante “os longos días de confinamento”. Cada unha das tres pezas interpretadas foi introducida cun poema de Xela Arias relacionado coa temática da canción.