DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os cinco estudantes competirán nun hackaton de 25 horas ininterrompidas de programación

Alumnado da EE de Telecomunicación chega, por segundo ano consecutivo, á final do HPE CDS Tech Challenge

Só cinco equipos, de 56 acadaron, a final da competición do grupo Hewlett Packard Enterprise

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Premios
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 19/04/2023

Alejandro Mateo Costa de Dios, Pablo Cores Lijó, Nicolás Sousa González, Javier Bilbao Lima e Miguel Pastoriza son os alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que integran o equipo Zamburiñas, co que a UVigo acadou, por segundo ano consecutivo, a final do II HPE CDS Tech Challenge. O equipo vigués, o mesmo que o ano pasado, salvo pola substitución de Miguel Pastoriza por Daniel López, participará nun hackathon de 25 horas de programación ininterrompidas que se celebrará o sábado 22 e o domingo 23 de abril en Madrid, nas oficinas HPD CDS, compañía do grupo Hewlett Packard Enterprise. “Chegar por segundo ano consecutivo ás finais presenciais supón moito para nós. Primeiro, unha alegría por todos nós por podelo conseguir dous anos consecutivos. Ademais, é unha segunda oportunidade que temos para intentar demostrar o mellor de nós e facelo o mellor posible”, sinala Miguel Pastoriza, en representación dos integrantes do equipo.

Os Zamburiñas enfrontaranse esta próxima fin de semana a outros catro equipos que acadaron a final do programa de talento no que participaron 251 estudantes, distribuídos en 56 equipos de 27 universidades e centros de FP de toda España. “Tras as finais do ano pasado a nosa visión é moi distinta, a pesar de non gañar aprendemos moitas cosas e a experiencia vai ser un factor moi importante para nós e de seguro nos vai a axudar moito para afrontar a fase final”, agarda Miguel Pastoriza cara á final de HPE CDS Tech Challenge. 

Retos tecnolóxicos arredor da sostibilidade no planeta

A sostibilidade no planeta foi o tema elixido para a segunda edición do programa, no que o alumnado participante se enfrontou durante varios meses a unha serie de retos tecnolóxicos (probas orientadas á intelixencia artificial, desenvolvemento de software, algoritmia ou lóxica para construír solucións eficientes que melloren a forma na que viven as persoas), optando a diferentes premios, incluído un programa de bolsas para traballar no grupo Hewlett Packard Enterprise. Precisamente, serán os e as estudantes gañadores da competición os que se poderán incorporar á empresa, mediante contratación ou unha bolsa, mentres que a universidade gañadora tamén obterá unha subscrición anual ao Customer Technology Center Madrid de HPE. “Participar neste tipo de iniciativas sempre é moi gratificante e dá unha aprendizaxe á que non se pode chegar nas aulas. É unha maneira de desenvolvernos como enxeñeiros nun ámbito no que non estamos tan acostumados e todo o obtido e positivo para nós, tanto a nivel profesional ou académico como a nivel persoal”, asegura Pastoriza.

Xunto á UVigo, a Universidad de León, a Pontificia de Comillas, a de Castilla-La Mancha e a Europea de Madrid, que suman un total de 23 estudantes, 20 homes e tres mulleres, son os equipos que participarán na final na que terán que presentar a mellor solución sostible para o planeta.