DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para gañar a partida aos exames

O alumnado encoméndase a 'Santa Biblioteca'

Comezo das probas finais de avaliación dun calendario de exames único para todas as titulacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 20/05/2011

Nin tila ou valeriana para calmar os nervios, nin café para o estudantado noctámbulo. Para enfrontar a recta final do curso os mozos e mozas da Universidade de Vigo só precisan unha cousa: a biblioteca. O calendario académico do Espazo de Europeo de Educación Superior fixo que as probas de avaliación de xuño chamaran á porta xa onte e que se prolonguen ata o día 3 do vindeiro mes. Unhas xornadas moi intensas nas que a apertura da biblioteca unhas horas extra polas noites ven como auga caída do ceo: a pesar do bo tempo e de ter que desprazarse a propósito ata o campus ou as facultades porque as clases xa acabaron, os universitarios prefiren estudar na biblioteca. “Coa calor que fai ter que estar diante dos libros é difícil, pero iso de levar os apuntamentos á praia non funciona. Ou na marabillosa biblioteca ou nada”, explica Sandra Cardamo.

Aínda que máis ateigadas que de costume nestas datas, as bibliotecas é un lugar de paso habitual entre o alumnado. “Son unha persoa á que lle custa moito estudar, así que intento vir todos os días de luns a venres polo menos dous meses antes para ir facendo resumos e esquemas. Logo toca repasar moito”, recoñece Noemí Álvarez, estudante de Dereito Económico, que o luns estrea exames cunha proba oral de Dereito Tributario. Malia que todos tentan coller os libros con antelación “acabas deixando todo para o final e dándote un atracón”, recoñecen Pablo Macías e Sergio Mosquera durante un descanso. Outros nin tempo teñen de tentalo. “A min non me dá para estudar todos os días, porque teño que entregar traballos de seguido. Así que se agradece que a biblioteca abra ata tarde. A técnica é estudar ata que soe o timbre e ata que o corpo aguante”, subliña Cardamo, estudante de Educación Infantil.

Sen embargo, para tranquilizar os nervios non hai truco que valla, como moito un pouco de café cando a xornada se prolonga máis da conta. “Non estou moi a favor de tomar nada, simplemente hai que tentar estar tranquilo porque os nervios son traizoeiros, chegar ao exame, respirar profundamente, demostrar o que sabes e xa está”, razoa Álvarez. Todos coinciden, estuden o que estuden: os nervios “os aguantas e punto”.

Setembro chega antes de tempo

O rexistro das cualificacións en Xescampus e a entrega das actas poderá facerse ata o 24 de xuño. Unha semana despois comezarán os exames de xullo, que veñen a substituír ás tradicionais probas de setembro, que se desenvolverán entre o 1 e o 16 de xullo e porán punto final ao curso 2010/11 coa entrega das actas o día 28. As titulacións a extinguir poderán manter esta convocatoria extraordinaria en setembro, entre os días 1 e 10, con entrega límite das actas o 23 dese mesmo mes. O Centro Universitario de Defensa terá ata o 27 de maio para facer as probas de avaliación, mentres que a convocatoria extraordinaria será entre o 6 e o 17 de xuño.

Calendario para o curso 2011/12

Como resultado da progresiva adaptación a Boloña, o vindeiro curso as clases comezarán o 5 de setembro, mentres que o 2 de xuño rematarán os exames, podendo entregar as actas de avaliación ata o 22 dese mesmo mes. É unha das principais novidades do calendario dun curso que se caracterizará por ser o primeiro no que se produza a supresión definitiva en todas as titulacións do que eran os exames de setembro, que o vindeiro curso se celebrarán entre o 2 e o 14 de xullo.