DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha actividade dirixida a ampliar a súa preparación en soporte vital básico

O alumnado de Enfermaría pon en práctica os seus coñecementos nunha competición de reanimación

Con tres categorías, desenvólvese ao longo da xornada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 25/11/2022

Pór en práctica os seus coñecementos en materia de soporte vital básico a través dunha competición que premiará o alumnado capaz de realizar con maior calidade as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP). Esta é a idea central da actividade que ao longo deste venres pon en marcha o alumnado da Escola Universitaria de Enfermaría, un torneo de soporte vital básico con tres categoría e aberto á participación tanto de todo o alumnado como do profesorado deste centro adscrito á Universidade de Vigo. “O obxectivo final non é tanto a competición, senón que esta sexa algo lúdico que os motive a adestrar estas manobras”, salienta o profesor Martín Otero, responsable da materia Atención de Enfermaría nas Emerxencias e Catástrofes, que cursa o alumnado responsable desta iniciativa.

Como explica Otero Agra, trátase da primeira vez que se leva a cabo unha actividade que, en primeiro termo, busca que o estudantado desta materia de cuarto curso afrontase, titorizado polos seus docentes, a organización dunha actividade relacionada cos contidos da materia. “O que se buscas é que o alumnado se involucre en organizar actividades deste estilo, que fomentan o adestramento dun xeito lúdico, a través da competición”, sinala o docente e investigador do grupo Remoss.

Un torneo que sitúa o alumando ante tres escenarios

Esta competición de RCP arrancou na mañá deste venres coas sesións de adestramentos e as fases clasificatorias de dúas das súas tres categorías. Concretamente, tratábase das modalidades que abranguen tanto a realización de compresións torácicas como de ventilacións, nun dos casos cun manequín de persoa adulta e, noutro, de bebé. “Trátase dunha fase previa na que se deciden que parellas se clasifican para a final”, explica Otero. A calidade das manobras mídese a través duns dispositivos “que nos permiten avaliala dunha forma obxectiva” e que achegan aos participantes unha puntuación "de xeito inmediato", tendo en conta parámetros como “a profundidade e frecuencia das comprensións, o volume das ventilacións...”, explica Otero.

Esta dúas modalidades permiten así mesmo traballar con materiais de soporte vital básico, “como bolsas autoinflables”, coa idea de achegar aos e ás participantes a manobras máis próximas ás dunha contorna clínica. Pola contra, a terceira das categorías céntrase na realización unicamente de compresións torácicas e aproxímase máis á asistencia de emerxencias na rúa. Esta modalidade desenvólvese en diferentes roldas eliminatorias ao longo da tarde, cando tamén teñen lugar as finais das outras dúas modalidades.