DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita nacional será o 29 de marzo en Toledo e a internacional en Vermont, EE UU, en xullo

Alumnado de Ensino Medio loita no campus por un oco na Selección Olímpica de Geología

A ETSE de Minas acolleu unhas probas nas que participaron 65 mozas e mozos de toda a provincia

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 18/02/2014

A gran cita será no estado americano de Vermont o vindeiro mes de xullo pero, ata entón, hai que ir, pouquiño a pouco, dando pequenos pasos. 65 alumnos e alumnas de Secundaria e Bacharelato da provincia de Pontevedra participaron este martes no campus na Fase Territorial da Olimpíada de Xeoloxía, unhas probas nas que participan 250 alumnos de toda Galicia e das que sairán os representantes galegos para participar na Selección Olímpica Española de Geología “que terá que representarnos e loitar polas medallas en Vermont”, subliñaron dende a organización.

Cangas, Vigo, Vilanova de Arousa... chegados desde distintos puntos da xeografía pontevedresa e acompañados por docentes dos seus respectivos institutos, os alumnos chegaron “moi contentos porque hoxe é para nós un día distinto”, apuntaba un rapaz de Cangas, ao que outra moza de Teis engadiu que “estamos nerviosos porque nos imos enfrontar a diferentes probas pero tamén encantados co programa de actividades que temos por diante”.

Espertar curiosidade xeolóxica e mesmo algunha vocación

A súa chegada ao centro foron recibidos polos director da escola, Benito Vázquez; a subdirectora Natalia Caparrini e Alicia López, docente no instituto de Teis e integrante da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra, entidade que coorganiza o evento xunto ao Colegio de Geólogos e a Sociedad Geológica Española. “Para nós é todo un pracer recibir a vosa visita e agardamos que tras as diferentes actividades que ides facer hoxe espertemos en vós a curiosidade pola xeoloxía e mesmo algunha vocación”, subliñou o director da escola, que fixo tamén fincapé en que este tipo de actividades contribúen a incrementar o coñecemento entre os mozos do que son as Ciencias da Terra, a Xeoloxía e a extracción responsable dos recursos naturais “e facelo de xeito moi práctico para que poidades ver as aplicacións reais, pois ao fin e ao cabo estamos nunha enxeñaría”, engadiu o director da escola.

Tras o acto de benvida e recollidos uns pequenos agasallos cortesía da escola, os 65 participantes dividíronse en catro grupos e, mochila ás costas, iniciaron unha xornada chea de probas. Pola mañá, cuestións prácticas con mapas e experimentos relacionados co recoñecemento de minerais e, xa pola tarde, un cuestionario teórico con 50 preguntas tipo test. “Despois, mentres que os docentes corrixen as probas eles terán a oportunidade de asistir a unha serie de talleres onde, entre outras cousas, poderán ver como se traballa con explosivos e de achegarse a algo tan novidoso como é a termografía láser”, subliñou a subdirectora da escola, Natalia Caparrini, que indicou que tamén se lles daría unha pequena charla sobre as titulacións que se imparten na escola.

Tras as probas... os premios

A entrega de premios será ás 18.30 horas e, desta volta, encargarase de entregalos André Bernal, alumno do Grao de Enxeñaría da enerxía da ETSE de Minas e finalista da fase española na II Olimpiada de Xeoloxía do 2011. Os gañadores obterán, ademais do ansiado pase á Olimpíada Nacional, que se celebrará o 29 de marzo en Toledo, unha guía de minerais e unha lupa. Ademais, entregaranse tamén dous accésits, un para un estudante de ESO e outra para un de Bacharelato, composto dun compás e un mapa xeolóxico de España.

“Gañar sería estupendo pero o máis importante é aprender cousas novas”, subliñaba no inicio dunha das probas Nuria González, alumna do instituto Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, ao que a súa compañeira Selene Rivas, engadiu que “é tamén unha boa maneira de aprender cousas dun xeito distinto e coñecer xente nova”. Estudantes de 4º da ESO e con todo o bacharelato por diante, “salvo cambios de última hora”, téñeno claro, “eu vou estudar Bioloxía Mariña”, afirmou Nuria; “eu Enxeñaría Industrial”, engadiu Selene, “pero hoxe toca Xeoloxía”, sorriu Selene.