DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo, as sesións desenvólvense cada luns

Alumnado de Enxeñaría Biomédica comparte experimentos coas nenas e nenos hospitalizados no Álvaro Cunqueiro

A actividade axuda a reducir a ansiedade dos pacientes e mellora a formación do estudantado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI 17/11/2022

Todos os luns deste mes de novembro teñen algo especial para as nenas e nenos ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro: unha cita cun grupo de estudantes universitarios que, durante unhas horas, traballan con eles para tratar de distraelos das rutinas médicas e, ao mesmo tempo, achegarlles coñecementos científicos. 

Trátase dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo, unha metodoloxía que consiste en que o alumnado aprenda facendo un servizo á comunidade e que adquira as competencias técnicas da titulación e tamén as xenéricas que teñen que ver co compromiso ético, a responsabilidade social ou o traballo en equipo. Á fronte deste proxecto está o profesor Eduardo Suárez Porto, que imparte a materia Mecánica de Fluídos no terceiro curso do grao de Enxeñaría Biomédica, e xunto con el están implicados 41 estudantes, “máis do 60% do total de alumnado matriculado”, recorda.

Esta iniciativa estaba plantexada para o ano 2020 pero a pandemia fixo imposible poñela en marcha ata este mes de novembro. Tras as dúas primeiras sesións, o docente amósase moi satisfeito co desenvolvemento do proxecto. Explica que o número de nenos e nenas varía cada semana, xa que algúns están ingresados con patoloxías leves e reciben a alta dunha semana para outra, outros non poden asistir debido a diferentes probas médicas, etc. “polo que hai bastante variabilidade entre os asistentes, tanto en número como en idade”. Ademais, as actividades propostas son diferentes cada semana, polo que todos e todas os que queiran repetir poden facelo e “ven cousas diferentes cada semana”.

O docente recoñece que tanto os seus estudantes coma el están “moi satisfeitos co desenvolvemento da actividade; a participación, interese e diversión dos nenos foi maior do esperado e tanto os cativos como o persoal sanitario e docente do hospital confirman que é unha actividade que está gustando moito". Tanto é así que as sesións vanse ampliar media hora máis. Dende a Aula Hospitalaria confirman esta boa acollida, xa que as nenas e os nenos "non pararon de tomar notas dos experimentos e das explicacións e quedaron con moitas ganas de máis". Eduardo Suárez Porto tamén destaca “o alto grao de implicación dos alumnos participantes nesta actividade, que traballan moito previamente e mostran unha enorme empatía e conexión coas nenas e nenos ingresados”.

Ensinar, divulgar e divertir

O que este grupo de alumnos da UVigo busca é ensinar, divulgar e divertir ao colectivo de nenas e nenos hospitalizados mentres desenvolven competencias transversais como o traballo en equipo ou a comunicación. Ata agora puideron realizar dúas sesións con varios grupos, cos que desenvolveron experimentos e montaxes moi variados, como unha lámpada volcánica de fluídos en movemento que aparenta ser lava ou un boneco que debuxan libremente nun prato e despois “cobra vida e móvese e saúda e interactúa con eles”. Tamén fixeron unha réplica do banco de España, na que os cativos puideron accionar diferentes portas e ascensores, empregando xiringas e sistemas hidráulicos sinxelos ata activar un sistema de inundación completo da cámara acoirazada, para protexer o ouro custodiado. “Fixemos moitos máis experimentos que permiten tocar e xogar cos diferentes fluídos, de diferentes cores e densidades, e moitos máis elementos como globos, palillos, vasos ou outros materiais”. De feito, lembra o docente, os experimentos non están predefinidos “e non saberemos exactamente o que teñen preparado ata que comece a próxima sesión”.

Beneficios para o alumnado universitario

Para levar a cabo estas actividades, as alumnas e alumnos de Enxeñaría Biomédica deben traballar en grupos para deseñar, construír e probar dispositivos e experimentos en base aos coñecementos técnicos de Mecánica de Fluídos e finalmente teñen que expoñer os seus deseños “ante un público moi esixente, que son os nenos/pacientes de pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo”. Ademais, engade Suárez Porto, “os experimentos  aparte dos requisitos funcionais usuais, deben ser adecuados para un uso infantil, con moi baixo risco e acentuando a funcionalidade lúdica”. Por todo isto, subliña o docente, “parecen claras algunhas das competencias traballadas asociadas á enxeñaría, como son o manexo de equipos, técnicas e métodos aplicables, limitacións de saúde e seguridade ou responsabilizarse da toma de decisións, comunicación eficaz e implicacións sociais asociadas coa realidade hospitalaria e coa sociedade en xeral”.

En conxunto, o profesor considera que para o seu alumnado “é todo un reto, non se me ocorre un tribunal máis esixente que un cativo de catro ou cinco anos, que se non lle interesa o que lle contas vai a desconectar inmediatamente, e non vai ter ningún reparo en dicirche que non lle gusta o que estás facendo”.

Aire fresco para nenas e nenos hospitalizados

De cara ao beneficio para nenos e nenas, Suárez Porto recalca que “é un feito contrastado que, en xeral, reducir a ansiedade e manter un estado de ánimo positivo nos pacientes mellora ou acelera os resultados dos tratamentos e reduce a duración das estancias hospitalarias”. Polo tanto, considera que “toda actividade que consiga distraelos das rutinas médicas e permita entretelos pasando un rato agradable, será positiva”. Ademais, subliña, “a hospitalización dun neno o nena en idade escolar produce sempre unha interrupción repentina das actividades escolares reguladas e a Carta Europea dos Nenos Hospitalizados, aprobada en 1986 polo Parlamento Europeo, enumera entre outros, o dereito dos pequenos a recibir formación escolar e lúdica durante a súa hospitalización, xa que estas actividades son un eixe de actuación para o desenvolvemento integral dos pequenos pacientes”, conclúe.