DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estrondo dos petardos fíxose notar en todo o campus vigués

O alumnado de Enxeñaría de Minas honran á súa patroa Santa Bárbara cunha romaría

A festa contou coa presenza dun polbeiro procedente de O Carballiño

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
S. Alcázar DUVI 26/11/2009

A tranquilidade habitual do campus veuse alterada este xoves polo estrondo dos petardos procedentes da ETSE de Minas, onde os alumnos honraron á súa patroa Santa Bárbara cunha festa moi soada que se fixo notar en todos os recunchos. A organización viuse obrigada a cambiar a data da celebración para non facela coincidir cos exames de decembro, adiantando o festexo a este xoves, día no que tivo lugar unha romaría popular nas inmediacións da escola, onde se instalou unha carpa na que os asistentes puideron degustar diferentes produtos característicos da gastronomía galega (tortilla, empanada, polbo, viño…) a prezos moi populares de acordo coa economía dun estudante universitario. Coma elemento estrela, a romaría contou coa presenza dun polbeiro procedente de O Carballiño, poboación destacada de Galicia por ser a mellor na preparación deste manxar. Durante toda a mañá os alumnos levaron a cabo a tradicional petardeada cun espectáculo pirotécnico a base de pequenos explosivos que acompañou o festexo, no que os estudantes da ETSE de Minas lucían unha camiseta especial co logotipo da escola. Pola súa banda, os alumnos de segundo curso fixeron un deseño propio da prenda na que figuraban os nomes dos integrantes da súa clase, mentres que pola parte dianteira amosaban a frase Ante la duda...voladura! , un lema moi apropiado coa súa titulación.

Unha programación cultural moi completa

O pasado seis de novembro deu comezo a Semana Cultural Santa Bárbara 2009 da man da Delegación de Alumnos de Minas xunto coa Asociación Cartel de Minas e a Sociedade Mineralóxica Galega (SMG). Xuntas organizaron unha serie de actividades culturais e deportivas complementarias ao festexo nas que puideron participar todos os membros da escola e da Universidade. Ao longo do mes de novembro, a aula de grao da ETSE de Minas acolleu o terceiro Ciclo de Conferencias titulado O Enxeñeiro de Minas: Un profesional presente en sectores estratéxicos da sociedade dentro da programación cultural de Santa Bárbara. Este venres 27 de novembro, o ciclo rematará coa derradeira xornada de relatorios centrados nos recursos naturais propios da minaría, destacando a participación do membro de EnergyLab, Juan Rodríguez, que exporá as súas conclusións sobre xeotermia. Gran parte das conferencias impartíronse por antigos alumnos da escola que na actualidade están presentes en empresas relacionadas coa explotación e xestión de recursos naturais, ao medio ambiente, ás obras públicas ou á enerxía. O obxectivo dos relatorios foi achegar aos alumnos á situación no eido profesional e laboral que viven os Enxeñeiros de Minas e as últimas tecnoloxías empregadas nos distintos campos de actuación. Para o acto ofertaranse 50 prazas, coma no resto das xornadas, e os interesados poden inscribirse de forma gratuíta acudindo persoalmente ao Negociado de Asuntos Xerais da ETSE de Minas, mediante o enderezo electrónico xnaxm@uvigo.es ou chamando ao teléfono 986 81 22 05, indicando nome e apelidos, número de DNI, curso no que está matriculado o solicitante e teléfono ou e-mail de contacto. A asistencia ao relatorio poderase convalidar cun crédito de libre configuración. Por outra banda, o vindeiro 4 de decembro terá lugar a xornada deportiva-cultural no Pavillón Universitario, onde se celebrará a III Xornada Deportiva Mineira, organizada pola Asociación Cartel de Minas, na que se disputarán os torneos femininos e masculinos de fútbol sala. Os participantes neste evento pertencen ao alumnado, docentes e persoal da escola, que loitarán polo triunfo nas distintas categorías. Tralos partidos, a SMG fará entrega dos premios do II Certame de Fotografía Mineira e inaugurarase unha exposición con imaxes procedentes deste eido. Todas as actividades contan co patrocinio da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, da ETSE de Minas e o traballo da Delegación de Alumnos da escola en colaboración con moitos estudantes, que fixeron un chamamento no que apelaban ao sentido da responsabilidade, pregando aos asistentes un comportamento correcto co fin de obter un festexo ameno que poida seguir celebrándose en anos vindeiros.