DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conseguen cinco dos seis galardóns

O alumnado de Enxeñería Informática acapara os premios do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

Un sistema de TPV e outro de adquisición de información, galardoados cos primeiros premios

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 02/12/2010
O campus de Ourense está de noraboa.Cinco proxectos elaborados polo alumnado da súa Escola Superior de Enxeñería Informática foron galardoados este xoves no Concurso de Proxectos Tecnolóxicos que cada ano organiza Expourense. Víctor Constantino Lorenzo Dávila foi o gañador do primeiro premio na categoría de Grao Superior con un proxecto para mellorar as Terminais de Punto de Venta (TPV), mentres que Adam Anh Doan Kim Caramés fixo o propio na categoría de Grao Medio, cun proxecto de captura de información personalizada.

Nesta edición presentáronse 15 proxectos das diferentes universidades galegas e do Norte de Portugal, pero segundo salientou o director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla, “todos son gañadores polo esforzo realizado, independentemente dos premios”. Pola súa banda o director da Escola, Enrique Barreiro, felicitou ao estudantado do seu centro que participou no concurso e aos premiados, salientando “a elevada calidade dos proxectos presentados”. Despois de dez edicións o certame explica, “xa é unha tradición que se vai repetindo cada ano na Escola”. Mentres o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, destacou estes 10 anos de traballo e a importancia de vincular a investigación co mundo empresarial, o obxectivo destes premios.

Moita variedade de proxectos

Este ano o primeiro premio para estudantes de Grao Superior foi para un proxecto de Víctor Constantino Lorenzo Dávila titulado CuevAxPOS-TPV colaborativo para MS Dynamics AX. Dávila deseñou un sistema para evitar os problemas das Terminais de Punto de Venda e optimizar a xestión da información que recollen. Segundo explica “o actual problema das TPV é que todos os datos que almacenan fano no mesmo lugar, o que pode provocar nalgún momento o seu desbordamento, por exemplo no caso dunha cadea de supermercados que ten diferentes centros e todos traballan con ese sistema único”. A solución que propón é un sistema que extrae os datos dese sistema único, almacénaos en diferentes lugares, relaciona os datos e permite un mellor aproveitamento das bases de datos (de vendas, de contabilidade, etc.).

O primeiro e único premiado na categoría de Grao Medio, Adam Anh Doan Kim Caramés, presentou Data Logger, “un aparello que permite a captura de información como a humidade, a temperatura ou as constantes vitais e ver a súa evolución”. A diferenza entre o sistema que propón e os xa existentes radica, segundo sinala, en que o seu permitiría un calculo personalizado e modular das variables que se elixan en cada caso (temperatura, constantes, etc.). A medicina ou a meteoroloxía serían algúns dos campos onde se podería empregar o Data Logger.

Pero eles non foron os únicos galardoados da xornada. O segundo premio foi para Rafael González, por un sistema de planificación da produción e control de existencias para o cultivo do mexilón, e o terceiro para Iván Gómez, polo seu proxecto de análise intelixente de vídeo para detectar eventos anómalos en persoas maiores.
O cuarto premio recaeu en Jorge Fernández, polo seu proxecto External Intelligent Asterisk Core, e o quinto en José Germán López, da Universidade da Coruña, por unha aplicación informática que permite a valorización de opcións financeiras de tipo barreira e dobre barreira.

A contía dos premios ascende a 3500 euros, sendo os primeiros premios de 1100 euros na categoría Grao Superior e 850 euros na categoría de Grao Medio. Para contribuír á difusión destes traballos os paneis presentados ao concurso exporanse ata o día 8 de decembro en Megaxove, o Salón da Xuventude que se celebra en Ourense.