DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A visita foi organizada polos estudantes para coñecer o Centro Europeo de Investigación Nuclear

O alumnado da Escola de Enxeñería Industrial volve do CERN cos petos cheos de expectativas

Os 47 mozos e mozas visitaron tamén a factoría de Airbus en Toulouse

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 27/06/2012

O CERN non defraudou. Os 47 alumnos e alumnas da Escola de Enxeñería Industrial que cambiaron as típicas viaxes a praias mediterráneas ou capitais europeas por unha visita ao Centro Europeo de Investigación Nuclear volven satisfeitos, ilusionados e cargados e inquedanzas. Acompañados polo profesor do grupo de Tecnoloxía Enerxética, David Patiño, puideron coñecer as instalacións deste centro de referencia e achegarse á investigación punteira que se desenvolve en Xenebra e que forma parte da súa formación académica. Esta iniciativa xurdiu do propio alumnado, do seu interese por coñecer de preto o que lles explican nas aulas e a experiencia non puido ter mellor resultado.

Joaquín Peñalver, encarga de moitos dos aspectos organizativos desta visita, explica que este tipo de viaxes poden servir para estreitar lazos entre o CERN e a Escola de Enxeñería Industrial que permitan organizar posteriores viaxes pero tamén visitas de investigadores a Vigo. A axenda foi apretada pero comezou cun pouco de turismo por Xenebra na primeira xornada. Xa o luns o día transcorreu entre científicos, proxectos de investigación e retos. Como explica, Peñalver, “por mediación do catedrático da EEI Pedro Merino contactamos cunha ex-alumna da escola, Ana Teresa Pérez Fontenla, que realizan unha estadía no departamento de Metroloxía e Materais do CERN”. Da súa man puideron coñecer lugares e persoas que cualifica “moi interesantes para a súa formación”.

Precisamente acompañados dous enxeñeiros que realizaron prácticas na Universidade de Vigo e dun físico vigués comezaron a visita, prestando especial atención ao punto de vista da enxeñaría e da física. A primeira parada un detector, o Atlas, en competencia con CMS, despois, a sala da control de calidade dos imáns superconductores. Pero interese de case todos ten nome, o Bosón de Higgs e sobre este tema así como sobre os neutrinos preguntaron, debateron a atoparon, segundo Joaquín Peñalver, “respostas claras”. Os enxeñeiros do CERN remarcáronlles ademais a proximidade a unha data que dará solución ao misterio, xa en cuestión de un ou dous meses, dende o centro de xenebra estarán en disposición de confirmar a existencia do Bosón de Higgs.

No capítulo de curiosidades, a visita ao despacho no que naceu algo hoxe tan familiar como a Web. Pero o verdadeiro luxo para este grupo foi, segundo explican, poder xantar “nun comedor público rodeados de premios Nobel. A visita continuou polo Departamento de Fabricación, no que puideron ver “as últimas novidades no CAD-CAM e máquinas-ferramenta punteiras a nivel mundial”. Tampouco quedou atrás o Departamento de Metroloxía asociado ao novo proxecto europeo de acelerador de partículas lineal, CLIC.

Outra das visitas indispensabes é a exposición Microcosm, unha mostra ilustrativa da carreira na investigación da física de partículas, “onde se amosan os enxeños para a detección das mesmas, e o seu fundamento físico”, apunta Peñalver. Finalmene agardábaos un relatorio de Enrique Blanco Viñuelas, xefe da sección de PLC´s do Grupo de Control Industrial e Enxeñería. Todo isto supuxo unha dose extra de motivación para o estudo e fixo que parte deste grupo soñe xa con poder traballar neste centro europeo.

E en Toulouse

A visita ao CERN deixou paso, xa en territorio francés, a un percorrido pola factoría de Airbus en Toulouse para a ensamblaxe do A380. Alí visitaron os hangares, unha das salas de telemetría, onde se rexistran todos os parámetros no primeiro voo de proba que realiza cada avión finalizado. Tras unha rolda de preguntas e curiosidades, un tour panorámico polo aeroporto de Blagnac, base de fabricación do A320 para a compañía Airbus. Nesta percorrido puideron ver exemplares, como indica Peñalver, “do famoso Beluga do que hai 5 en todo o mundo, propiedade de Airbus, así como o avión militar A400M, que en parte se fabrica en España”. A visita finalizou nunha exposición de avións de guerra antigos, propiedade de enxeñeiros retirados de Airbus, e na mostra Ailles Anciènnes, onde se atopan, entre outros o mítico Concorde ou a Caravelle, primeiro avión de Airbus, como compañía europea.

Xa de volta en Vigo, os recordos e os coñecementos adquiridos fan que moito pensen xa cara a onde encamiñar o seu futuro profesional.