DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación ESN organizou esta actividade na pontevedresa praza da Peregrina

O alumnado estranxeiro achégase á cidadanía repartindo abrazos

O obxectivo desta iniciativa é contribuír a rachar cos tópicos asociados ao estudantado Erasmus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 25/02/2014

Que mellor xeito de achegarse á xente coa que compartes cidade durante uns meses que darlle un abrazo? Pois iso foi precisamente o que fixeron na tarde deste luns un grupo de 15 estudantes universitarios estranxeiros do campus pontevedrés na praza da Peregrina, onde a asociación Erasmus Social Network (ESN) desenvolveu a actividade Free Hugs/Abrazos gratis. Durante preto de hora e media, o alumnado participante nesta iniciativa intercambiou cariño e conversas coa cidadanía grazas a unha actividade que “trata de achegar á xente o que é o colectivo Erasmus para romper o tópico que se ten de que estes estudantes só buscan festas e diversión”, como explica o representante da ESN Sergio Lorenzo.

“Os estudantes Erasmus son como calquera de nós, persoas que buscan achegarse á zona na que están e coñecer a súa cultura durante os seis meses ou o ano que permanecen nela”, engade o secretario de ESN Vigo, que nesta ocasión se responsabilizou de coordinar unha iniciativa que esta asociación desenvolve en Pontevedra por segunda vez e que partiu dunha petición formulada por unha propia estudante de intercambio, Fabienne Roderer.

Foi a partir das sete da tarde, cando un grupo de alumnos e alumnas de diferentes nacionalidades, chegados ao campus de Pontevedra grazas a programas como o Erasmus ou aos convenios bilaterais subscritos pola Universidade, se reuniu na Peregrina con carteis nos que anunciaban en diferentes idiomas que ofrecían abrazos de xeito gratuíto. E a resposta da cidadanía foi positiva, aínda que “hai xente que ao principio é moi receosa cando se lle achega alguén cun cartel, nalgúns casos noutro idioma, pensan que lles quererán vender algo”, admite Lorenzo, ao que, como coordinador desta actividade, lle correspondeu “romper o xeo” e explicar o obxectivo desta iniciativa ás persoas que pasaban pola Peregrina. Non en van, o que se pretendía conseguir a través de algo tan sinxelo como un abrazo era “achegar aos estudantes á veciñanza de Pontevedra”, e de feito, esta iniciativa “permitiulles coñecer xente e conversar con ela, xa que eran moitos os que se paraban a falar con eles, en especial, as persoas maiores”.

Por todo isto, e a pesares de que a chuvia marcou este reparto de abrazos, o representante da ESN en Pontevedra valora como se desenvolveu esta iniciativa “que permitiu aos estudantes pasar un rato moi divertido e sacarlle un sorriso á xente”. De feito, os propios participantes xa solicitaron á asociación “volver realizar esta simbólica actividade proximamente noutra praza de Pontevedra”, explica Lorenzo, que fai énfase no feito de que sexa o propio estudantado o que solicite á ESN desenvolver actividades como esta, enmarcada dentro das propostas que este colectivo leva a cabo para fomentar os vínculos do estudantes de intercambio coa cidade na que se atopan, xunto con outra serie de iniciativas como a recollida de tapóns para fins solidarios ou a participación en campañas de limpeza xunto a colectivos ecoloxistas.