DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto-homenaxe previo á celebración do Día das Letras Galegas

Alumnado de Filoloxía e Tradución lembra a figura de Vidal Bolaño e grita "Non á morte do teatro!"

Os asistentes trasladáronse a un peirao mariñeiro coa lectura dramatizada do relato Navy Bar

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 23/04/2013
A paixón do teatro corre polas súas venas, dende primeira hora da mañá ata última hora da noite e mesmo nos seus soños… A falta dun mes para celebrarse o Día das Letras Galegas, un grupo de alumnas e alumnos da Facultade de Filoloxía e Tradución, “fieis ao teatro”, adiantouse á celebración desta data cunha actividade dedicada “a un pioneiro e un precursor”, “unha persoa altamente comprometida e censurada”: Roberto Vidal Bolaño. Foi unha homenaxe sinxela que se iniciou cunha actuación na que, vestidos de pallasos loitaron coas súas espadas, globos de cores, e gritaron de xeito unísono Contra a morte do teatro!

Na celebración do Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio, estarán metidos de cheo nos exames do 2º cuadrimestre “por iso decidimos adiantar a nosa particular homenaxe a Vidal Bolaño”, subliñou unha das organizadoras, Iria Presa, alumna do Grao de Galego-Español. Ao seu carón, outra das organizadoras, Xandra Táboas, alumna da Filoloxía Galega, ultimaba os detalles dunha lectura dramatizada de Navy Bar, unha historia da súa autoría e que foi Premio 2012 de relato curto da Universidade de Vigo. Cun texto de sabor mariñeiro e de cheiro salgado, os asistentes ao acto trasladáronse por uns minutos a taberna dun peirao galego e, viviron cos seus personaxes, os males da xente do mar, de persoas proletarias acostumadas á dura vida do mar “e tamén da terra, porque tal como están as cousas...”, subliñaba un dos personaxes.

“O xénero literario discriminado”

Referíndose ao teatro como “o xénero literario discriminado na nosa facultade e na sociedade en xeral”, os organizadores denunciaron o progresivo abandono que vive esta disciplina na sociedade actual. “Irremediablemente a escaseza de axudas e falta de compromiso por parte das administracións públicas está a someter a este xénero a unha morte progresiva e dolorosa”, subliñaba Xandra Táboas, que, de cara ao vindeiro 17 de maio, retou aos asistentes a recompilar textos de poetas galegos nos que se fale sobre a lingua e depositalos nunha especie de caixa de correo que van colocar para tal fin no local A Cova dos Ratos na rúa Romil de Vigo. Será a materia prima coa que argallar “unha montaxe especial para o Día das Letras”.

Pese a que estaba previsto a participación no acto de Roi Vidal, fillo do homenaxeado, motivos de saúde impediron a súa presenza nun acto que si contou coa participación de numerosos afeccionados ao teatro e, máis concretamente á figura de Vidal Bolaño. Os profesores Manuel Forcadela ou Anxo Angueira son algunhas das caras coñecidas que se deixaron ver entre o público.