DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor, Salustiano Mato, clausurou as xornadas que arrancaron o martes

Por e para o alumnado, o Foro Tecnolóxico pechou as súas portas

18 empresas participaron nas xornadas dirixidas a estudantado e egresados das enxeñarías

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/03/2014

Tras catro días de actividade a XIV edición do Foro Tecnolóxico chegou este venres ao seu fin. Atrás quedan case unha vintena de relatorios, workshops e decenas de actividades, a través das que os novos e novas tituladas e futuros enxeñeiros e enxeñeiras tiveron ocasión de achegarse ao mundo laboral no que aspiran a integrarse, contando para iso coa experiencia de representantes de empresas como BorgWarner, R, Repsol, PSA Peugeot Citroën, Altran, Tecnocom, Altia, Imatia ou Quantum e centros tecnolóxicos como Gradiant. En total foron 18 as empresas que participaron nesta edición do Foro Tecnolóxico, que un ano máis tamén exerceu para estas firmas como “escaparate” do alumnado formado nas aulas das escolas de Telecomunicación, Industriais e Minas da Universidade de Vigo.

Un estudantado para o que o reitor, Salustiano Mato, comprometeuse a intensificar esforzos para que “teña futuro, abrindo novos campos e posibilidades”. Na clausura do Foro, na que Mato estivo acompañado polo vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán e os directores das escolas de Minas, Benito Vázquez e Telecomunicación, Edita de Lorenzo, así como de Carolina Pousa, alumna encargada da organización do Foro, o reitor gabou unha iniciativa que asegurou “exemplifica o espírito da Universidade que non é pasiva, senón que se move e busca o futuro a través do real, do mundo empresarial que é o que pon en valor o coñecemento que xeramos na Universidade”.

Mato que agradeceu o esforzo da organización e das empresas que tomaron parte na decimo cuarta edición do Foro Tecnolóxico, asegurou que talento do alumnado esixe apostas como o Vigo Tecnolóxico “que dende o punto de vista institucional posibilitará desenvolver todo o potencial do ámbito da enxeñaría e harmonizar as capacidades do ámbito tecnolóxico coas necesidades do decido socioeconómico quen os rodea”. Unha actuación que segundo manifestou Mato “permitirá que nos mergullemos na Europa 2020, pero tamén no mundo, facendo máis forte o noso ecosistema de innovación”.
A derradeira xornada do Foro pechouse con relatorios a cargo do vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, así como representantes de Imatia, Gradiant e Altia.

Obxectivos cumpridos, segundo a organización

“A valoración é altamente positiva”, asegura Carolina Pousa, alumna encargada de coordinar toda a organización do Foro, xunto a unha vintena máis de estudantes, “todo saíu moi ben e por iso estamos moi contentos”, sinala. Para Pousa á volta de BorgWarner ao Foro e a presenza nel doutras empresas como PSA Citröen, polo que representa na comarca de Vigo, son dous dos elementos máis destacables desta edición que hoxe rematou e que estivo marcada pola celebración das V Jornadas Estatales de Ingeniería Industrial. “Estas xornadas organizadas polo Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Industrial (CEDEII) en colaboración coa Asociación Estatal de Representantes de Alumnos de Ingeniería Técnica Industrial (AERRAAITI)”, explica Pousa, “incrementaron de xeito significativo a presenza de estudantes no Foro, que xa en si mesmo e, supoño que en parte determinada pola crise económica que estamos a sufrir, este ano viu incrementada a presenza de alumnado e titulados”. Precisamente este labor de procura de alternativas de futuro para o estudantado e egresados das enxeñarías, lembra Pousa, que é a razón de ser do Foro Tecnolóxico, polo que “o sentido que se lle pretende dar, debemos dicir que se cumpriu”.