DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentando á comunidade universitaria os seus traballos sobre ecoloxía

Alumnado do Grao de Ciencias Ambientais celebra o seu primeiro ‘congreso’ científico

Os pósteres poden verse na entrada do edificio Politécnico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Investigación
  • Estudantes
DUVI Ourense 12/01/2024

Alumnado do Grao de Ciencias Ambientais, da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, está a celebrar ata o martes 16 o seu I Congreso de Ecoloxía. Póndose na pel de verdadeiros investigadores e investigadoras, expoñen en paneis na entrada do edificio Politécnico do campus os seus traballos neste eido.

A iniciativa, na que participan 23 alumnas e alumnos de terceiro curso deste grao, xurdiu no marco da materia de Ecoloxía, impartida polas profesoras Sandra Martínez e Elisa Calvo. “Simulamos un congreso real en ecoloxía no que o alumnado ten a oportunidade de presentar un póster seu a toda a comunidade universitaria, tratando de compartir aquilo que aprenderon sobre o seu proxecto científico dunha maneira profesional e cambiando o rexistro dependendo da persoa á que se dirixe o discurso”, explica Sandra Martínez. Trátase dunha actividade, indica, “interesante para dar a coñecer o traballo que realizan os alumnos nesta materia pero tamén para promover a idea de comunidade universitaria, como comunidade en continua aprendizaxe e de transferencia de coñecemento”.

Saber investigar e comunicar

Os proxectos realizados e expostos polas e polos estudantes abordan "temas actuais" e neles abórdanse conceptos ecolóxicos “clave e relevantes dentro do programa da materia”. As súas temáticas abranguen desde a relación entre a pandemia da covid-19 e a contaminación por plásticos ata o estudo do efecto da fragmentación de hábitats na supervivencia do lagarto Crotaphytus collaris en Estados Unidos. Desde a organización da actividade destacan a excelente resposta do estudantado que, subliñan, participa nesta iniciativa “con entusiasmo”, e agradecen a colaboración do decano da Facultade de Ciencias, Pedro Araújo, e do vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo.

“Con esta actividade tratamos de transmitir aos estudantes o interese pola investigación e pola procura de información científica contrastada, transmitíndolles a importancia de utilizar fontes fiables de información”, sinalan as responsables do proxecto. Igualmente, engaden, a iniciativa quere contribuír a que o alumnado desenvolva a habilidade de lectura de textos científicos complexos en inglés así como a manexar e resumir dita información, ademais de aprender a expor o seu traballo nun ambiente científico profesional utilizando o formato póster e a presentación oral. Este venres, o alumnado estivo durante toda a mañá presentando cada un dos traballos elaborados e atendendo ás persoas que se interesaron por eles. Os membros da comunidade universitaria poden ser partícipes deste congreso ata a vindeira semana votando anonimamente ao mellor póster, empregando as papeletas habilitadas ao carón dos paneis do congreso.