DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu coordinador, Celso Cancela, reuniuse con José Luis Baltar para explicarlle os contidos da titu

O alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública realizará prácticas na Deputación provincial

O encontro sentou as bases de novas e futuras colaboracións entre a Universidade de Vigo e a institu

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 15/07/2010

O Grao en Dirección e Xestión Pública é unha titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no campus de Pontevedra, co obxectivo de formar estudantes capacitados para traballar na Administración Pública. Trátase dunha oferta académica novidosa e pioneira no Sistema Universitario Galego que se perfila non só como unha importante ponte de acceso ao mundo laboral, senón tamén como unha ferramenta que permite aos empregados públicos mellorar a súa formación e ascender nos seus postos de traballo.

Celso Cancela, vicedecano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e coordinador do grao, reuniuse este xoves con José Luis Baltar, presidente da Deputación provincial de Ourense, co obxectivo de amosarlle a formación que recibe o alumnado que aposta por esta proposta formativa e que definiu como “uns estudantes perfectamente capacitados para acometer as competencias que se demandan en calquera administración pública”. O obxectivo da xuntanza era estudar as posibilidades de colaboración entre ambas institucións para que os estudantes do grao poidan realizar as súas prácticas na Deputación provincial e o resultado foi moi positivo porque, segundo afirmou José Luis Baltar, “a Deputación provincial entra de cheo na relación de coñecementos desta titulación, polo que estamos ante a carreira máis adecuada para que os estudantes realicen as súas prácticas nesta casa”.

Esta xuntanza abre as portas a futuras e novas colaboracións entre ambas institucións nas que se estudarán outras vías e camiños de encontro como a posibilidade de estender eses convenios de prácticas a outros concellos da provincia.

Percorrido polo plan de estudos da titulación

Celso Cancela estivo acompañado polos tamén profesores Argimiro Rojo, catedrático de Ciencia Política e Antón Fernández, profesor desta área de coñecemento. No transcurso do encontro os docentes fixeron un percorrido polo plan de estudos da titulación, unha aposta de materias “de carácter multidisciplinar” que, segundo explicaron, “forman ao estudante para analizar criticamente a realidade política e administrativa que o rodea e ofrécenlle tamén os instrumentos e os coñecementos necesarios para que poida realizar o seu traballo con éxito”.

Argimiro Rojo subliñou a importancia de consolidar este novo grao, ao que se referiu como “unha titulación do século XXI que dará resposta á esixencia de modernización e profesionalización que existe nestes momentos na Administración Pública”, afirmou.

40 prazas para o ano académico 2010-2011

No ano académico 2010-2011 o Grao en Dirección e Xestión Pública contará con 40 prazas, terá unha duración mínima de catro anos e impartirase en galego, castelán e inglés. O alumnado que escolla esta carreira deberá superar 240 créditos ECTS con materias que abordan temáticas como Dereito Administrativo, Economía, Ciencia Política, Socioloxía e Estatística, entre outras, e poderá optar a prácticas externas cun máximo de 12 créditos de carácter optativo.

Neste punto é onde entran en xogo institucións como a Deputación provincial, cuxo apoio é fundamental para que estes estudantes teñan o seu primeiro contacto co mundo laboral. Segundo Celso Cancela, “as prácticas son moi importantes, non só porque permiten que o alumno coñeza realidade laboral na que se vai mover, senón tamén porque posibilitan que os nosos potenciais empregadores nos coñezan”, declara. Con todo e para obter o título os estudantes deberán realizar un traballo de fin de grao válido por 12 créditos e no que deberán demostrar os coñecementos e competencias asociadas á titulación.

Perfil de ingreso recomendado

Tanto Celso Cancela como Argimiro Rojo coincidiron en subliñar que para cursar esta titulación non se requiren competencias previas na área das Ciencias Sociais. Con todo, e segundo explicaron, o acceso a este grao está especialmente recomendado “para todos aqueles estudantes que teñan curiosidade por comprender todo o relacionado coa Administración Pública e boa disposición para o razoamento abstracto”. Capacidade de análise, facilidade para separar as causas das consecuencias e flexibilidade á hora de enfrontarse a problemas non estruturados son calidades especialmente valoradas para cursar estes estudos.