DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de aprendizaxe servizo á comunidade

Alumnado do Grao de Turismo busca experiencias máis inclusivas para persoas con discapacidade visual

Este mércores participaron nun curso de sensibilización coas necesidades deste colectivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Diversidade
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 26/04/2023

Este cuadrimestre, no Grao de Turismo (da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense) desenvólvese un proxecto de aprendizaxe servizo á comunidade centrado en facer ao seu alumnado consciente e partícipe das necesidades que teñen as persoas con discapacidade visual para gozar do tempo de ocio. No marco desta iniciativa, o centro acolleu este mércores un curso de sensibilización na que as e os estudantes se puxeron na pel de persoas cegas ou con déficit de visión.  

A iniciativa está apoiada pola convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo 2022/2023, da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo. Concretamente, o proxecto leva por título Naturalmente con sentido e nace vinculado ás materias do Grao de Turismo Márketing turístico, Creación e viabilidade de empresas e Promoción turística, impartidas polas profesoras e promotoras da proxecto Elisa Alén (coordinadora), Trinidad Domínguez e Lorena Rodríguez. Para o seu desenvolvemento asinouse un convenio de colaboración coa organización nacional de cegos Once. Ademais, a proposta lígase cos obxectivos de desenvolvemento sostible da axenda 2030, xa que pretende que as e os estudantes adquiran coñecementos teóricos e prácticos para promover o desenvolvemento sostible e a igualdade e tamén promove e potencia a inclusión de todas persoas independentemente da súa condición.

Produtos turísticos deseñados para todos e todas

A aprendizaxe-servizo, explican as profesoras que desenvolven este proxecto, é unha metodoloxía de ensino-aprendizaxe grazas á cal o alumnado pon en práctica coñecementos e desenvolve habilidades e actitudes mediante un servizo á comunidade. “Pensamos que este proxecto sería positivo ao visibilizar de xeito evidente para o noso alumnado a existencia dunha demanda heteroxénea nos seus requirimentos a nivel turístico”, indican. Así, o reto para o alumnado participante, catro estudantes de segundo curso do Grao de Turismo, céntrase na identificación e análise das necesidades das persoas con discapacidade visual e no deseño dunha ruta ou visita turística que permita a estas persoas vivir unha experiencia turística satisfactoria. A proposta, engaden, baséase “na necesidade social de gozar do tempo de ocio a través dun enfoque inclusivo”.

A primeira fase do proxecto foi a investigación sobre a temática, sobre turismo accesible e sobre discapacidade. A segunda fase, na que se atopa na actualidade, é de formación. A programación continuará o vindeiro mes cunha visita ao Museo Arqueolóxico de Ourense na que o alumnado de Turismo participante farán a visita como se fosen invidentes, co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades de visitantes con esta discapacidade. Coas experiencias, información e coñecementos adquiridos, as estudantes farán unha proposta de ruta ou saída turística especialmente deseñada para persoas con discapacidade visual e levarana a cabo con persoas usuarias da Once en Ourense e voluntarias. O alumnado de Turismo terá que facer a adaptación do produto turístico elixido e configuralo atendendo ás necesidades das e dos turistas ás que vai dirixido para conseguir unha verdadeira actividade inclusiva. O proxecto rematará cunha reflexión conxunta da experiencia vivida, posibilitando o intercambio de opinións, vivencias, emocións e reflexións entre o alumnado e as e os participantes na experiencia.

“As e os turistas non son un grupo homoxéneo senón que forman parte dunha sociedade que é complexa por natureza. Nesta sociedade están as persoas con necesidades especiais que precisan de produtos turísticos deseñados para todos, e non falamos soamente de eliminación de barreiras físicas. Por iso, a proposta é usar como base o que sabemos sobre turismo accesible, rutas turísticas e patrimonio para facer unha proposta inclusiva”, indican desde a organización.

A importancia da formación

No marco deste proxecto, este mércores, arredor dunha vintena de estudantes do Grao de Turismo puido participar nun curso de sensibilización e axuda a persoas con discapacidade visual, ofrecido pola técnica de rehabilitación da Once María Cruzado. A iniciativa tratou de achegar ao alumnado como é o trato cunha persoa con discapacidade visual e puxo ás e aos participantes na súa pel a través de diferentes dinámicas prácticas. O curso contou coa visita de Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, que destacou o interese desta formación e deste proxecto de aprendizaxe-servizo en canto traballa no eido da inclusividade, un dos obxectivos, indicou, do Plan Estratéxico da Universidade de Vigo. A responsable institucional recalcou a importancia da formación neste eido para poder dar resposta axeitada ás necesidades reais das persoas con diversidade.