DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación ESN Vigo estrea oficina na Escola de Enxeñaría Forestal

O alumnado internacional conta cun novo punto de reunión no campus

Desde a súa sede, esta asociación promove unha recollida de tapóns e roupa con fins benéficos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 10/09/2014

De onde buscar piso, a como contratar unha conexión a internet, pasando por onde solicitar e entregar documentación de todo tipo... Son moitas as preguntas ás que nestes primeiros días de curso tratan de dar resposta desde a oficina que a asociación ESN Vigo (Erasmus Student Network) estrea este curso no campus de Pontevedra. “O certo é que estes primeiros días están a resultar un non parar”, recoñece Sergio Lorenzo, coordinador no campus desta asociación dedicada a axudar ao alumnado internacional e que desde o inicio deste curso académico conta con espazo propio na Escola de Enxeñaría Forestal.

Nacida hai catro anos en Vigo co obxectivo de “contribuír a unha maior integración do estudantado estranxeiro na cidade”, esta asociación leva xa máis de tres anos desenvolvendo actividades de todo tipo no campus de Pontevedra, aínda que ata o de agora facíano sen un espazo físico propio. “A Vicerreitoría do campus cedeunos esta oficina e o certo é que axçudanos moito a facer máis visible a nosa asociación e as actividades que realizamos”, resalta Lorenzo, que incide no valor que ten para eles dispor dunha sede da cidade á hora de realizar as tarxetas de socios, as ESN Cards, ou para que o alumnado poida pagar as viaxes que organizan. “O primeiro que fan os estudantes erasmus é ir ata a ORI (a Oficina de Relacións Internacionais da Universidade) e alí xa lles informan de onde estamos”, engade Julio Piñeiro, outro integrantes desta asociación, que conta no campus cunha decena de voluntarios. Neste senso, aumentar o número de persoas que queiran “investir o seu tempo libre de xeito altruísta” colaborando como voluntarios nas actividades da ESN é unha das metas que agardan alcanzar ao dispor dun espazo propio. “A asociación está aberta a toda a xente de Pontevedra que queira colaborar, non é preciso que teñan estado de Erasmus previamente nin sequera que formen parte da comunidade universitaria”, sinala Lorenzo, que alude ás posibilidades que a interacción co alumnado estranxeiro supón para a cidadanía á hora de coñecer outras linguas ou outras culturas. “De feito para nós isto é un divertimento polo que ademais sínteste, dalgún xeito, como un embaixador da túa cidade”, engade.

Propostas lúdicas, culturais ou benéficas

Sempre de acordo cos intereses e preferencias do alumnado estranxeiro, esta asociación promove a ao longo do curso unha serie de “actividades culturais, sociais ou lúdicas”, que van desde organizar unha viaxe por municipios próximos a promover un reparto gratuíto de abrazos co alumnado estranxeiro. A idea é sempre contribuír á súa integración coa cidade e, ao mesmo tempo, “amosarlle a veciñanza unha cara diferente dos erasmus, que non só queren ir de festa e de viaxe”, como destaca Lorenzo.

Con ese mesmo obxectivo, desde a oficina da ESN están a desenvolver tamén diferentes actividades con fins sociais, como unha recollida de tapóns de plástico, que realizan coa colaboración da Fundación Amigos de Galicia, ou como o Erasmus Bank, que recentemente permitiu tamén destinar varias caixas de roupa a fins sociais. Como apunta Julio Piñeiro, “a final de curso os estudantes acumulan unha morea de cousas que non lles van facer falta e que tampouco van poder levar na maleta”, polo que a través deste programa se lles dá a posibilidade de “deixalos aquí e elixir se van a parar aos estudantes que cheguen ao curso seguinte ou a persoas sen recursos”, explica este voluntario.

Así mesmo, nesta asociación tamén contan cun proxecto de asesoramento e acompañamento do estudantado estranxeiro, o Buddy Program, a través do que un veciño ou veciña da cidade se compromete a “recollelos e orientalos cando chegan á cidade ou a acompañalos á hora de buscar piso, por exemplo”. En todo caso, o obxectivo das actividades é sempre o mesmo, como recalca Sergio Lorenzo, “que cando marchen, Pontevedra forme parte do seu mapa xeográfico persoal”.