DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estudante de Publicidade e RRPP Rocío González Balcázar participou nun programa de radio da Eurane

O alumnado leva as súas preguntas sobre os programas de mobilidade e a fuga de cerebros a Bruxelas

Trasladoulle as súas preguntas á comisaria Androulla Vaisillou no Parlamento Europeo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 27/09/2013

Moi ilusionada e “coas pilas ben cargadas”, así regresa a Pontevedra Rocío González Balcázar, alumna do cuarto curso do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, despois de participar en Bruxelas, representando á Universidade de Vigo, nun debate radiofónico que promove periodicamente o programa Euranet (European Radio Network). Nesta semana, González Balcázar tivo a oportunidade de preguntarlle directamente á comisaria europea de Educación, Cultura, Multilingüismo, Xuventude e Deporte, Androulla Vaisillou sobre o novo programa de mobilidade para estudantes en Europa, Erasmus+, e falar en primeira persoa cunha investigadora española “que viu como se salvaba o seu traballo de investigación grazas a unha bolsa Marie Curie, integrada no Programa Marco de investigación da Unión Europea”.

Na súa primeira intervención, Rocío González Balcázar dirixiuse a Androulla Vaisillou, centrando as súas cuestións nas novidades que lle ofrecía ao estudantado europeo o novo programa de mobilidade Erasmus +. González Balcázar salienta que a comisaria resaltou a intención da Unión Europea en investir nunha educación superior de calidade, poñendo en marcha programas coma este. Na mesma liña, a alumna do campus de Pontevedra incidiu no escaso financiamento que teñen outros programas de mobilidade estatal como poden ser a bolsas Séneca e que tamén poderían facilitar ese intercambio de coñecementos. Xunto a Vaisillou, na mesa tamén estaba presente o director do Departamento de Comunicación e Xornalismo da Universidade Autónoma de Barcelona, José Manuel Pérez Tornero.

Como curiosidade, a alumna de Publicidade e Relacións Públicas salientou a amabilidade de Androulla Vaisillou quen se achegou a todos os presentes na sede de Euranet no Parlamento Europeo e iniciou unha conversa espontánea con boa parte deles. A estudante galega aproveitou a oportunidade para perdirlle á comisaria que lle explicase brevemente “que están vostedes a facer dende a Unión Europea para garantir o futuro dos máis novos nuns tempos tan complexos como estes”. Vaisillou fixo fincapé na creación dun novo programa dirixido aos mozos de entre 25 e 30 anos en situación de desemprego, “axudándolles na procura dun posto de traballo, ofrecéndolles cursos de formación ou unha axuda económica”, comenta García Balcázar.

A investigación e a fuga de cerebros

Os investimentos en I+D e a fuga de cerebros en algúns países europeos centrou a segunda das entrevistas na que participou esta alumna da Universidade. Desta reunión, Rocío González Balcázar destaca a participación na mesa da investigadora española María Gracia que estivo a piques de abandonar un proxecto investigación ao que lle tiña dedicado moitos anos ata que conseguiu un bolsa Marie Curie. “María falounos do importante que é que as administracións e os gobernos se involucren realmente co labor dos investigadores, dándolle o lugar que merece na sociedade”.

Outro xeito de intercambiar coñecementos e facer novas amizades

O programa de radio foi gravado no VoxBox de Euranet no Parlamento Europeo, un lugar no que a alumna de Publicidade e Relacións Públicas estivo acompañada por outras dúas mozas, Anna Saraste e Magdalena Zelazowska representantes das universidades de Tampere (Finlandia) e Warsaw (Polonia). Para González Balcázar compartir con elas estes días en Bruxelas foi unha experiencia moi enriquecedora, “sentín que podía aprender moito xa que tanto Anna como Magdalena tiñan participado noutros proxectos similares con anterioridade”. Con todo, a estudante da Universidade recoñece que lle gustaría ter paseado polas rúas da cidade pero que non dispuxo de moito tempo libre para facelo, iso si “agora xa teño a escusa perfecta para volver".