DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballaron habilidades non técnicas relacionadas coa comunicación e o autocoñecemento

Alumnado do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación estreouse na primeira iniciativa de mentorización do COETG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 27/04/2023

Tres estudantes do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo participaron na primeira edición do proxecto Mentoring e Vocacións TIC do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG). Xurdido co obxectivo de axudar ao estudantado no tránsito do mundo académico á contorna empresarial e ao emprendemento, o proxecto permitiu aos participantes tomar consciencia das capacidades e competencias persoais, mellorar a confianza a través do autocoñecemento e establecer metas persoais e profesionais, así como que adquirir unha visión ampla sobre o mundo empresarial e distintos tipos de liderado.

Lucía Amaro, Iván Alejandre e Camilo Piñón foron os estudantes de mestrado que participaron na iniciativa do COETG, que estivo representada por Santiago Torres, Juan Redondo e Paulino González, que exerceron como mentores. “É unha experiencia recomendable ao 100%”, asegura Lucía Amaro, que explica que neste proceso traballaron as competencias transversais, “moi útiles non só no ámbito laboral, senón que se poden aplicar no día a día, como poden ser a xestión do tempo, comunicación asertiva…”. Para Juan Redondo, responsable do grupo de Mentoring e Vocacións TIC do COETG, “esta actividade completa a formación académica dotando ás persoas de habilidades non técnicas relacionadas coa comunicación, o autocoñecemento e a intelixencia emocional, entre outras”. Pola súa banda, Paulino González e Santiago Torres, coinciden en describir a experiencia como “enriquecedora tanto para as alumnas e alumnos, como para os propios mentores”. 

Un proxecto con perspectiva de consolidación

A iniciativa de mentorización do  COETG coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, destaca, segundo Lucía Amaro, “pola posibilidade de tratar temas que non se dan nun ámbito técnico como é a enxeñaría, pero que son necesarias e o complementan positivamente”. A estudante do mestrado, que asegura que se animou a participar na iniciativa porque mentres estudaba o grao ela mesma foi mentora e mentorizada, tamén destaca a personalización do plan “porque se utilizaban como base as experiencias persoais propias e marcabamos obxectivos reais e concretos para seguir avanzando, incluso despois de rematar o mentoring”, detalla.

Desde o COETG apuntan á perspectiva de consolidación do proxecto unha vez finalizada a primeira das edicións, debido aos resultados obtidos e o grado de satisfacción amosado, tanto por parte do alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, como por parte das persoas mentoras, profesionais da enxeñaría de telecomunicació. Unha iniciativa que se suma á liña de colaboración que desde a súa creación mantén o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, e a asociación homónima, principalmente coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, materializada en diferentes iniciativas a prol da promoción dos estudos de ciencia e tecnoloxía e da divulgación das TIC.