DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escoitaron a valoración dos seus traballos finais ante un tribunal formado polos directores dos prox

O alumnado do Máster de Investigación en Comunicación despide con éxito o curso

O nivel das cualificacións foi elevado, cunha boa colleita de sobresalientes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 22/06/2010

Os vinte alumnos do I Máster de Investigación en Comunicación despediron hoxe con éxito o curso. Logo do esforzo realizado chegou o momento máis esperado, pero non parecían nerviosos grazas á seguridade que dá o traballo ben feito. Recibiron a cualificación e a valoración dos seus proxectos finais por parte dun tribunal formado polos docentes que dirixiron as súas investigacións: Mercedes Román, Fernando Ramos, Daniel Martí, Aurora García e Montserrat Doval. Confirmouse o bo nivel desta primeira promoción, cunha boa colleita de sobresalientes. A temática dos estudos presentados foi moi variada, desde o impacto da publicidade dos videoxogos na nenes, ata o tratamento informativo da muller inmigrante na prensa, os casos de éxito dos canais en Youtube de empresas españolas, a comunicación da denominación de orixe Rías Baixas ou a proposta dun manual de protocolo para o concello de Pontevedra. Todos eles foron depositados na biblioteca do campus para a súa consulta pública. Despois desta experiencia, a maioría pensa seguir co proceso de doutoramento matriculándose para a elaboración da súa tese.

Obxectivos cumpridos

Mercedes Román, a coordinadora do mestrado fai unha valoración moi boa do resultado acadado. “Tivemos aos mellores profesores en Publicidade, Relacións Públicas e Xornalismo, incluíndo dous italianos e dous portugueses”, apunta. Asegura que se cumpriron os obxectivos iniciais e que as expectativas de cara á segunda edición son aínda maiores debido ás numerosas petición de información que recibiron.
“Desde hai anos o programa de doutoramento na área de xornalismo tiña moi boa acollida. Con Boloña extínguese ese modelo e agora a fase de formación para continuar logo co doutoramento realízase a través dun mestrado”, explica. Por iso consideraron pertinente poñelo en marcha canto antes. “É incrible que a Universidade non prepare investigadores, cando é unha das súas principais actividades”, engade. Por iso tamén decidiron centrar este mestrado directamente na investigación.

Convocatoria da próxima edición

O máximo de prazas ofertadas na primeira edición foron 20. Cubríronse todas porque houbo máis solicitudes que oferta, o que para Román supón “un 100% de éxito”. Sinala que xa hai unha lista importante de xente interesada para a próxima edición. No mes de xuño abriuse un prazo especial para estudantes de fóra de Europa a través do que xa se cubriron dúas prazas con dous estudantes brasileiros. Segundo a profesora, as numerosas peticións de información que recibiron de diferentes países como Rusia, China ou Arxentina reflicte ese interese que suscita fóra o mestrado.
Do 1 ao 15 de xullo abrirase o prazo de preinscrición xeral e toda a información relativa ao programa do II Máster de Investigación en Comunicación pode consultarse na súa web.