DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concurso web no que os estudantes presentan 12 obras

O alumnado do Obradoiro de Fotografía busca a súa mellor imaxe

O público pode votar a súa peza favorita ata o domingo 29 de abril

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 23/04/2012

Durante este cuadrimestre, o alumnado do Obradoiro de Fotografía do campus de Ourense estivo aprendendo a manexar unha cámara e as técnicas necesarias para a realización de boas fotografías. Orgullosos do seu traballo queren agora amosalo ao público e facelo partícipe da beleza das cousas que durante este tempo retrataron. Para acadalo, veñen de convocar un concurso web no que 12 dos estudantes do taller presentan outras tantas obras para a valoración das persoas interesadas. O resultado coñecerase o vindeiro luns, día 30 de abril, e será o broche final a este obradoiro.

Paisaxes espectaculares, fotografías que inspiran unha historia ou capturan un momento concreto, reflexos na auga que son difíciles de captar coa cámara ou fotos de detalle. O alumnado do obradoiro que participa no concurso seleccionou para a iniciativa obras que destacan pola súa beleza ou pola historia que inspiran pero tamén pola dificultade da súa realización material. Non en van estiveron durante meses aprendendo a aproveitar todas as posibilidades técnicas para sacarlle o maior xugo posible á cámara.

Desde o Servizo de Actividades Culturais do campus de Ourense animan agora aos interesados a botar un ollo a esta galería web e votar á fotografía que na súa opinión é a mellor. Só se permite un voto por dirección IP/día ata o próximo domingo 29 de abril as 23.59 h, momento no que se pechará o concurso. O gañador recibirá un lote de produtos cedidos pola Vicerreitoría do campus ourensán e a súa fotografía poderá ser empregada na publicidade das actividades do campus o vindeiro curso.

O premio, salientan os organizadores da iniciativa, é simbólico pois o obxectivo fundamental é de dar a coñecer e valorar o traballo e o esforzo realizado polos alumnos do obradoiro participantes, que son Cristina Araújo, Cristina Carbajales, Elena Mariño, Fernando Domínguez, Orenxebre, Jesyca María Salgado, Jorge Madriñán, Judith Quintela, Laura Lozano, Laura Vázquez, Pablo Álvarez e Lea Conde. O resultado da votación coñecerase o luns, día 30 abril.