DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa organización do I Foro de Perspectivas Económicas

O alumnado ponse en marcha na análise da situación económica actual

O encontro celebrarase no campus os días 12, 13 e 14 de abril

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 08/04/2011

No contexto de crise económica mundial no que nos atopamos, son moitas as voces que se alzan co fin de aproximar posturas que axuden a mellorar a situación. Como futuros economistas preocupados polo porvir de España e de Galicia, o alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais organiza, con apoio do equipo docente e do decanato, o I Foro de Perspectivas Económicas.

Tras a aprobación de novas medidas de tipo económico dende o Goberno, a delegación de alumnos da facultade mostrou a súa inquedanza por coñecer e explicar a toda a comunidade universitaria, da man de profesionais do sector, cal é o escenario no que nos atopamos xa que, en palabras do coordinador das xornadas, Estevo Sánchez, “este é un foro con perspectiva de futuro. O pasado está moi estudado e o que queremos saber é a onde estamos indo coas medidas tomadas”.

Nesta primeira edición participarán, ademais de diversos profesores de diferentes universidades españolas, o subdirector xeral de Análise e Modelización do Ministerio de Economía e Facenda, Luís González Calbet; representantes dos tres partidos políticos con representación parlamentaria en Galicia, ademais do director executivo da galega R, Arturo Dopico. Como subliña Estevo Sánchez, “poder escoitar os poñentes que asistirán é un plus a nosa formación. Ter contacto con profesionais deste calibre é todo un luxo”.

Debates, mesas redondas e conferencias

As xornadas comezan o martes 12 de abril coa participación dos profesores da Universidade de Vigo Albino Prada e Eduardo L. Giménez na mesa de debate A economía española ante o futuro. A continuación terá lugar a conferencia do representante do ministerio, Luís González, baixo o título A situación da economía española: expectativas.

O sistema financeiro será o protagonista o mércores 13 de abril cunha mesa redonda a cargo dos docentes José A. Novo, da Universidade da Coruña José A. Novo e Xavier Vence da Universidade de Santiago de Compostela. Esta mesa redonda deixará paso o relatorio do director executivo da empresa R, Arturo Dopico, encargado de pechar o día.

Un dos pratos fortes do programa resérvase para o último día, o xoves 14 de abril. Neste día a xornada ábrese cunha mesa de debate na que participarán o docente da Universidade Jaime Aneiros en representación do PSdeG, o portavoz de Economía do BNG, Fernando Blanco, e un representante do PPdeG, aínda por determinar, que dende as súas respectivas posturas políticas achegarán criterios para acadar a saída de Galicia da crise.