DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro que afonda nas diferentes fases do seu desenvolvemento

O alumnado prepárase para concorrer a certames de creación artística

Combina as nocións teóricas co asesoramento individual ao estudantado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/03/2022

Premios, certames, bolsas ou residencias artísticas constitúen unha interesante oportunidade para que os novos e novas creadores poidan iniciar ou avanzar na súa traxectoria profesional, ampliar o seu currículo e dar a coñecer a súa obra. Afondar en todos os elementos que é preciso ter en conta á hora de concorrer a este tipo de convocatorias é o obxectivo central do taller Proxectos artísticos: elaboración, deseño e proceso, que nestas semanas se desenvolve na Facultade de Belas Artes. Inserido na programación de obradoiros de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre e impartido polos investigadores da facultade Román Corbato e Marcos Covelo, este taller combina un achegamento xeral ás fases de redacción, desenvolvemento ou deseño, co asesoramento ás e aos asistentes na elaboración dos seus propios proxectos, co propósito de que poidan presentalos no futuro a diferentes convocatorias.

Coas súas doce prazas cubertas tanto por alumnado de Belas Artes como de Comunicación Audiovisual, este taller ten como punto de partida un ciclo de conferencias que Covelo e Corbato levaron a cabo o pasado ano na facultade e que tiña tamén como obxectivo afondar no proceso de preparación dun proxecto aínda non materializado. O interese xerado por esta actividade levou aos seus responsables a propor un obradoiro de 30 horas que, por unha banda, “amplía e actualiza” a parte teórica tratada nas conferencias e que completa unha vertente práctica na que as e os participantes “empezan a desenvolver un proxecto de creación artística”, apunta Corbato.

Dos fundamentos aos orzamentos

O taller arrancou a pasada semana cunha primeira introdución a que é un proxecto artístico, o tipo de convocatorias que existen, as plataformas de busca deste tipo de certames ou a propia análise “das bases dunha convocatoria, que é algo moi importante”, sinala Corbato. A partir de aí, as seguintes sesións permitirán afondar na estrutura dun proxecto artístico, na redacción e deseño da súa memoria ou na elaboración doutra serie de materias necesarios para este tipo de convocatorias, como dossieres, currículos artísticos, cartas de motivación ou orzamentos. Por outra banda, un dos aspectos nos que poñen o foco os responsables deste taller é na importancia de dotar á memoria dunha “base teórica e conceptual importante”, que demostre o coñecemento e a reflexión respecto da materia ou temática na que se centrará a creación artística. Do mesmo xeito, sinala Corbato, outro dos aspectos nos que pon énfase o obradoiro é na necesidade de “ser concisos” na redacción destas memorias, así como en que estas sexan un documento “ordenado, limpo e visualmente atractivo”, dado que poden concorrer “á convocatorias nas que se presentan 400 persoas”.  

Este percorrido polas diferentes fases e polos múltiples factores á ter en conta na preparación dun proxecto susténtase á súa vez, como xa acontecía no ciclo de conferencias, na propia experiencia profesional como artistas dos seus responsables. “Mantemos esa dinámica, na que nos parece tan interesante analizar os éxitos como os fracasos”, sinala este último. Con esa idea, achegan aos e ás asistentes exemplos de proxectos que foron recoñecidos en diferentes convocatorias, xunto outros que non foron seleccionados “pero que consideramos que estaban ben desenvolvidos”, coa idea de pór o foco na importancia que neste eido ten “insistir” e ter en conta, como sinala Corbato, que enfrontarse a este tipo de certames “é un traballo de longo percorrido”. 

Unha práctica centrada nos proxectos persoais

Ademais de reunir a alumnado de Belas Artes e Comunicación Audiovisual, entre as e os asistentes figuran “tanto estudantes que aínda está en segundo curso como xente que xa é egresada e que tan xa certa experiencia en proxectos artísticos”, explica Corbato, o que motiva que no grupo convivan tanto alumnos que acoden cunha primeira idea ou cunha mostra do seu traballo artístico con persoas que xa teñen unha idea de proxecto máis definida e que mesmo teñen claro a que convocatoria quererían presentalo. Nese senso, a parte práctica do taller busca guialos no desenvolvemento deses “proxectos persoais, aos que nós imos pouco a pouco axudando a darlles forma”, así como orientalos ás convocatorias máis acaídas “en función dos seus intereses”, sinala Corbato. De feito, a última sesión do obradoiro, que terá lugar o vindeiro venres 25, formúlase como “un debate final na que cada alumno presente ao resto o proxecto que foron xerando ao longo destas tres semanas, aínda que non o completasen”, co propósito de analizalos conxuntamente.