DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este mércores no campus

Alumnado e profesionais da educación social analizan os retos da convivencia familiar

Nela destacouse o impacto da conciliación e a importancia de compartir ter tempo de calidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 06/03/2024

O campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da Xornada de educación familiar. O tempo compartido en familia, organizada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e a Facultade de Educación e Traballo Social. Nela, alumnado universitario e profesionais afondaron nos retos da convivencia familiar desde a óptica da educación social, dedicando especial atención a temas como o impacto da conciliación.

Na inauguración da cita, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou que para a institución académica “é unha satisfacción traballar cos colexios profesionais para dar unha formación complementaria tanto aos seus membros como ao noso alumnado”. Neste senso lembrou como a transferencia é, xunto a docencia e a investigación, unha das tres funcións da universidade e fixo fincapé na importancia de fomentar “a transferencia que chega á cidadanía” con iniciativas como esta xornada. Do mesmo xeito, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, destacou a importancia da alianza entre universidades e entre o mundo académico e profesional para “facer a mellor educación social posible” e reivindicou o papel que os seus profesionais xogan na sociedade.

Do público ao privado

Pola súa banda, Sonia González, presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, coincidiu en salientar o interese e a necesidade desta colaboración entre o mundo académico e colexial, polo que agradeceu a boa acollida que tivo no campus de Ourense esta xornada. Sobre a temática elixida para ela, lembrou que a educación familiar é “unha das áreas onde a educación social ten o seu traballo”. Así, explicou que unha “parte moi importante” das e dos titulados en Educación Social remata traballando en concellos, nos seus servizos de atención e apoio familiar, “onde a figura da educación social está contemplada como parte das súas equipas interdisciplinares”.

A presidenta do órgano colexial engadiu que ese traballo en educación familiar que realizan as e os educadores sociais está chegando tamén ao terceiro sector e a espazos privados, a “familias que precisan dese acompañamento socio-educativo”. Porén, comentou que é necesario seguir traballando pola incorporación e recoñecemento da figura do educador e educadora social, dando a coñecer o traballo que realizan. “A educación familiar é un dos retos fundamentais que se está dando agora na sociedade”, afirmou Sonia González, pondo o aceno no impacto que ten nela aspectos como “a tan manida e tan complicada de acadar conciliación familiar”. Neste senso puxo o aceno na importancia desta conciliación e de ter “tempo e espazos de calidade” para un futuro máis máis saudable a nivel físico e emocional nas familias.

A programación da xornada arrancou cunha conferencia sobre o tempo de lecer en familia a cargo de Laura Varela, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, e continuou cunha palestra centrada na dimensión tempo compartido no acompañamento socioeducativo con familias. Nesta última participaron as e os educadores sociais Sonia González, Felisindo Estévez e Natalia Gómez, coa moderación de Nazaret Blanco, da Universidade de Vigo. Ao longo das intervencións, as e os relatores afondaron nas novas dinámicas de convivencia intrafamiliar e as estratexias de acción dende a educación social e analizaron os retos futuros da educación familiar e a dimensión tempo compartido en familia e o seu impacto na intervención socioeducativa.