DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso complementario centrado tamén na articulación témporo-mandibular

Alumnado e profesionais fórmanse en Fisioterapia no tratamento da rexión cervical

Impartido polos fisioterapeutas Delfín Campos e Pablo Hernández

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/11/2018

Problemas como mareos, vertixes ou acúfenos poden ter a súa orixe na zona cervical, unha rexión corporal na que poden orixinarse unha ampla variedade de lesións e que, conxuntamente coa articulación témporo-mandibular, centra o curso complementario que nestes días se desenvolve na Facultade de Fisioterapia. Dirixido polo profesor do centro Gustavo Rodríguez e impartido polos fisioterapeutas Delfín Campos e Pablo Hernández, a segunda edición do curso Valoración e tratamento da rexión cervical e a súa relación cárneo-mandibular (ATM) pon en relación, a través de diferentes casos clínicos, o tratamento de dúas rexións “intimamente relacionadas”, como sinalan os seus responsables.

De carácter fundamentalmente práctico, este curso de 50 horas desenvólvese nas xornadas de venres, sábado e domingo entre o 9 e o 18 de novembro e reúne estudantes último curso da titulación e titulados e tituladas, “algúns con varios anos de experiencia clínica”, como sinala o seu director.  A valoración articular e muscular da rexión cervical e as técnicas manipulativas e de liberación miofascial para o seu tratamento, por unha banda, e a valoración articular e muscular da ATM e as principais técnicas que se empregan nesta articulación, por outra, centran os contidos dun curso que se articula como dous seminarios independentes, pero que á súa vez permite pór en relación a abordaxe clínica de ambas rexións. Trátase, como sinala Rodríguez Fuentes, dun curso xurdido o pasado ano a partires dunha proposta de fisioterapeutas en exercicio e que achega unha formación “que vai máis aló do que se abarca no título de grao”, achegando uns “coñecementos máis profundos” respecto do traballo con dúas áreas do corpo “estreitamente ligadas” nas sesións que conducen Campos, doutor en Fisioterapia e responsable da clínica ourensá NeuroBurgas, e Hernández, profesor asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo.

Foco de múltiples lesións

“Calquera parte da rexión cervical, músculos, ósos, articulacións, fascias, ligamentos ou nervios, poden ocasionar problemas como vertixes, mareos, déficit de mobilidade, acúfenos, cervicalxias…”, sinala Pablo Hernández dunha serie de síntomas ligados á rexión vertical pero que tamén “poden provir do ombro, a mandíbula a cabeza ou os brazos”. Así, pois as rexións corporais que centran este seminario constitúen o foco onde se xeran “grande variedade de lesións”, en moitos caso derivadas dunha “mala hixiene postural”, pero que tamén poden derivar, no caso concreto da rexión cervical, dun traumatismo, como os que provocan accidentes de tráfico. 

En boa parte destas lesións, a fisioterapia “xoga un papel fundamental para a diminución dos síntomas ou o seu tratamento”, engade Hernández, responsable da abordaxe dos aspectos relativos á rexión cervical nun taller que ten entre os seus obxectivos integrar o tratamento da ATM dentro da abordaxe da patoloxía cervical. Neste senso, este fisioterapeuta pon como o exemplo a “patoloxía cráneo-facial”, que con frecuencia “tende a particularizarse sobre a disfunción da articulación témporo-mandibular en exclusiva” a pesares de que esta rexión “atópase inevitablemente relacionada coas estruturas craniais e cervicais”, como parte dun “peculiar equilibrio de forzas e funcións”, como a respiración, a fonación ou a deglutición, “que condicionan de forma importante tanto o seu estado de saúde como a aparición de determinadas patoloxías” polo que “para combatelas e que o tratamento de fisioterapia resulte eficaz”, explica, é preciso “valorar estas estruturas de maneira conxunta”.