DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O título impartiuse este curso académico nos campus de Ourense e Vigo

O alumnado do Programa Universitario para o Emprego e a Vida Autónoma remata a súa formación

En total participaron doce estudantes con diversidade funcional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Cursos
  • Diversidade
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Ourense 30/06/2023

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, no campus de Ourense, e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, no campus de Vigo, acolleron este curso académico o desenvolvemento do Programa Universitario para a o Emprego e a Vida Autónoma. A través del, doce persoas con diversidade intelectual, seis en cada campus, formaron parte da vida universitarias destes centros, onde cada día, de luns a venres e desde novembro a xuño, acudiron para adquirir competencias que mellorasen a súa autonomía, formación académica e preparación laboral. Este alumnado remata agora o seu paso pola universidade, recollendo os seus diplomas nos actos de graduación inclusivos dos seus respectivos centros, facendo desde as entidades implicadas un balance moi positivo da iniciativa. 

O título, que se insire dentro da oferta da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo, ten como directora académica a Noelia Rivera e desenvólvese co apoio da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade en colaboración coas asociacións Down Vigo e Down Ourense, entidades especializadas na atención a persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual. Está financiado pola Fundación ONCE no marco do Programa Unidiversidad e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Se en Vigo este curso celebrou a súa segunda edición, en Ourense foi a primeira.

O pasado 9 de xuño, o alumnado do Programa Universitario para o Emprego e a Vida Autónoma do campus de Vigo celebrou o seu acto de graduación coa XI promoción do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. Este venres pola tarde, os seus compañeiros e compañeiras do campus de Ourense farán o mesmo no acto de graduación da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, onde recollerán o seu diploma ante os membros da comunidade universitaria, familiares e representantes institucionais presentes, como o vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, que participou como docente neste programa antes de ocupar o seu cargo na Xunta de Galicia; Juan Camba, coordinador Galicia Sur de Inserta Empleo Fundación ONCE; Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Noelia Rivera, directora deste programa.

Balance positivo

Facendo balance da actividade, Maribel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, destaca que “estamos altamente satisfeitos co desenvolvemento deste programa” tendo como “aliados” a Down Vigo e Down Ourense. A responsable  institucional destaca “a grande implicación das rapazas e rapaces” e o aproveitamento que fixeron do programa, amosando a súa confianza e desexo de que o grao de competencias adquirido polo alumnado lles permita ter mellores oportunidades laborais. Igualmente, recalca a “fantástica resposta” das facultades e do profesorado da UVigo participante; a acollida por parte do alumnado das titulacións oficiais cos que compartiron vida universitaria e a resposta das empresas e entidades nas que as e os estudantes realizaron as prácticas. Sen todos eles e elas e sen o financiamento da Fundación ONCE, indica, esta iniciativa non sería posible. Por último, Maribel Doval pon en valor a participación do alumnado deste programa nos actos de graduación dos seus respectivos centros, converténdose, sinala, nas primeiras graduacións inclusivas. Polos bos resultados acadados, a vicerreitora explica que a idea da institución académica é darlle continuidade a esta actividade o vindeiro curso, estando xa feita a solicitude de financiamento.  

Pola súa banda, Silvia Álvarez, de Down Ourense, subliña que “para nós foi un proxecto piloto, pois era a primeira vez que colaborábamos neste tipo de formación coa universidade”. Sobre os resultados acadados, apunta que “foi unha experiencia boa para todas as partes” e que supuxo “a entrada dos nosos participantes na Universidade con pleno dereito, sendo universitarios, aínda que fose nun curso de adultos”. Entre os aspectos positivos que tivo para as e os rapaces sinala que lles permitiu formarse en contidos novos para elas e eles, compartir experiencias con outros estudantes da universidade e realizar prácticas en empresas e entidades, que para algúns supuxo a súa primeira experiencia laboral. O programa, indica, “foi valorado positivamente polo alumnado e polas súas familias”, apuntando que ás e aos estudantes gustoulles especialmente “ser universitarios, o feito de sentir que se podían chamar universitarios e que ían cada día á facultade, que formaban parte desa vida universitaria”.

300 horas de docencia e 100 de prácticas

A matrícula para o alumnado estivo subvencionada na súa totalidade. As actividades formativas realizáronse en cada campus da UVigo en convivencia cotiá coa comunidade universitaria co obxectivo de acadar o enriquecemento que achega a diversidade, segundo explican desde a organización do programa. O alumnado recibiu, de luns a venres en horario de mañá, unha formación interdisciplinar para mellorar a súa empregabilidade e competencias sociolaborais para favorecer a súa inclusión, con 300 horas de docencia e 100 de prácticas. Ao longo dos meses, as e os estudantes recibiron unha formación composta por unha serie de materias troncais (como expresión e comunicación, cultura e sociedade ou habilidades emocionais), impartidas por parte das asociacións implicadas, e materias específicas, como arte rupestre, turismo termal, informática, emprendemento, inglés, finanzas e restauración, impartidas por profesorado da UVigo. Alén da formación desenvolvida nas aulas, a programación tamén incluíu numerosas visitas a empresas e entidades da contorna. Rematada a súa participación no programa, parte deste alumnado participará agora nun campamento de verán organizado neste caso de xeito conxunto polas universidades de Vigo e A Coruña no marco tamén do programa Unidiversidad, financiado pola Fundación Once.