DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia ofrecida por Alex Ferradás

Alumnado do Programa Universitario de Maiores achégase ás emocións que experimenta unha persoa en cadeira de rodas

Co obxectivo de contribuír á visibilización dos seus retos e necesidades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 27/05/2021

Un ano máis, Alex Ferradás, persoa dependente dunha cadeira de rodas dende o ano 2006 e un dos fundadores do proxecto Working Wheels, que traballa pola accesibilidade e a integración, achegouse ao campus de Ourense para ofrecer unha conferencia. A través da súa historia persoal, o alumnado do Programa Universitario de Maiores puido achegarse ás emocións que experimenta unha persoa en cadeira de rodas e os retos que afrontan no seu día a día. A súa intervención realizouse no marco da materia de Intelixencia Emocional, impartida pola profesora Isabel Ferreiro, na que se aborda “a conceptualización das emocións e a súa distinción con estado de ánimo e sentimento, do cerebro emocional e racional e de como as emocións poden influír na saúde”. Ao longo da conferencia, Alex Ferradás faloulle ao público asistente das emocións que experimentou ao longo do seu proceso vital e de como lle afectaron na súa vida diaria e na súa contorna familiar e social. Así, abordou o seu paso pola rabia, a tristeza ou o desánimo ata que foi quen de sacar emocións positivas e comezar novos proxectos de superación, como a práctica do deporte e o traballo a prol da visibilización das persoas en cadeira de rodas e das súas necesidades.