DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentou os traballos de comunicación solidaria en colaboración con organizacións sociais da cidade

O alumnado de Publicidade e RRPP amosa o seu lado máis altruísta

O decano Juan Corbacho e a concelleira Carmen Fouces salientaron a forte implicación dos estudantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 05/12/2012

Nesta materia o importante non era aprobar, senón servir de axuda á sociedade “para que os males sexan moito menores”. Este mércores presentáronse publicamente as campañas de promoción que alumnos e alumnas de último curso do Grao en Publicidade e Relacións Públicas puxeron en marcha en colaboración con organizacións sociais de Pontevedra ao abeiro da materia Comunicación Solidaria. O resultado, dez accións comunicativas coas que tentaron proxectar o labor destes colectivos comprometidos coa defensa das persoas menos favorecidas, “conseguindo uns resultados extraordinarios dos que estamos moi orgullosos”, apuntou Juan Manuel Corbacho, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

O decano estivo acompañado nesta presentación de traballos pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, que agradeceu as facilidades mostradas para formar parte deste proxecto solidario destacando ademais a “forte” implicación dos estudantes que “agora están recollendo uns froitos que nos satisfacen a todos e todas”. Animounos a continuar nesta liña de traballo colaborativa “pois cando somos novos xogamos moito co individualismo pero agora é tempo de mulleres e homes máis sociais que tenten sacar adiante proxectos comúns e en equipo”. Pola súa banda, o decano fixo alusión á repercusión mediática das campañas de comunicación deseñadas polos alumnos e alumnas do campus, “unha boa nova tanto para a cidade, para as ONGs como para a propia facultade, que se visibilizou nesta iniciativa a través dos seus mellores embaixadores”, engadiu.

Esta colaboración entre ONGs e alumnado de Publicidade e Relacións Públicas xurde da iniciativa dun profesor da titulación, Xosé Baamonde, que instou ao seu alumnado a colaborar con organizacións sociais para coñecer o seu funcionamento e detectar as súas necesidades de comunicación procurando que os estudantes teñan a oportunidade de enfrontarse a un cliente real e responder ás súas demandas de acordo ás peticións do colectivo. Tanto o decano como a concelleira salientaron o nivel de preparación e a actitude de esforzo e dedicación do alumnado “evidenciando que aquí hai materia gris, hai país, hai futuro”capacitado para xestionar a comunicación de calquera empresa ou institución.

Dez propostas “moi heteroxéneas”

En representación do alumnado tomou a palabra Trinidad Campos, que explicou brevemente as dez accións de comunicación que idearon para as organizacións sociais da cidade, “todo unha experiencia que nos fixo ter un primeiro contacto co mundo laboral”. Sinalou que as propostas desenvolvidas teñen un carácter heteroxéneo “pois cada equipo traballou en función das necesidades e demandas de comunicación de cada colectivo”, subliñou. Así, asociacións como Alba, que loita por unhas mellores condicións para persoas con enfermidades mentais crónicas, ou Alcohólicos Rehabilitados non contaban con ningunha ferramenta de comunicación que visualizara o seu labor, polo que o estudantado “partiu de cero” e creoulles páxinas web, blogs e ata un manual de identidade corporativa “para profesionalizar o seu cometido”. Noutros casos, como coa asociación Amizade ou coa Rede Axuda o alumnado optou por unha estratexia máis arriscada desenvolvendo accións transgresoras na rúa co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre as problemáticas sociais. Colectivos como a Fundación Secretariado Xitano ou Aspace Galicia, que dá apoio ás familias con persoas afectadas pola parálise cerebral, demandaron unha campaña de captación de voluntariado, mentres que Meniños, asociación dedicada á protección dos dereitos dos nenos e nenas, nomeou a Pontevedra Cidade Solidaria coa Infancia grazas a unha proposta de relacións públicas pensada por alumnado da facultade pontevedresa. Outras como a Asociación Down Pontevedra, Implicados no Desenvolvemento ou Amencer preferiron accións en redes sociais ou o deseño de cartelería para promocionar o seu labor.

Liña de colaboración co Concello

Tanto para o decano da facultade como para a concelleira de Benestar Social, este proxecto solidario foi unha mostra máis da colaboración entre Universidade e Concello e amosou a súa total “disposición” para continuar nesta liña de traballo “en futuras iniciativas que vaian saíndo desta índole ou doutro aspecto”. Juan Manuel Corbacho tamén defendeu esta postura e sinalou que a ubicación do campus, “un pouco escorada”, non evita que a facultade e a institución en xeral “se sinta implicada e parte da cidade”.