DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo con asociacións e colectivos de diferentes ámbitos

Alumnado de Publicidade e RRPP definirá a estratexia de comunicación de doce entidades do rural galego

Deberán deseñar o seu plan neste ámbito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 14/02/2023

Un dos aspectos que o alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas debe abordar na súa formación é o desenvolvemento de plans estratéxicos de comunicación adaptados ás realidades e necesidades de diferentes empresas ou organizacións. Adquirir estas competencias enfrontándose a un caso real, á vez que contribúen ao labor de diferentes entidades ligadas ao rural galego é o que propón ao alumnado da materia Estratexias de comunicación publicitaria un proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS), no que participan doce colectivos de diferentes puntos de Galicia, integrados na Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural.

Coordinado pola profesora e decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, Estratexias de comunicación para iniciativas do rural foi un dos proxectos seleccionados no presente curso na convocatoria de innovación educativa en aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade. “O ApS é unha metodoloxía que consideramos moi positiva, porque implica traballar coa realidade”, salienta Torres dunha iniciativa que se desenvolve por primeira vez en colaboración cunha comunidade impulsada pola asociación Avoar, xunto co grupo de investigación Esculca da Universidade de Santiago de Compostela. 

O obxectivo de Arredor do Rural, que conta co financiamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, é promover o desenvolvemento de “estratexias para vincular o sistema educativo con iniciativas que están intentando construír formas alternativas de xestionar as comunidades e o territorio dunha forma xusta e sustentable”, como explica o seu coordinador, David García. Con ese propósito, a comunidade ten impulsado diferentes actividades no ámbito universitario, principalmente a través de proxectos de ApS como o que este grupo de alumnos e alumnas levará a cabo cunha serie de “iniciativas que, polo xeral, son moi invisibles”, como recoñece García Romero.

Doce equipos de traballo, doce realidades

Divididos en doce grupos, máis dun cento de estudante participan nesta iniciativa enmarcada na materia que Torres imparte xunto coas profesoras Carmen Maiz e Talia Rodríguez. “Un plan estratéxico de comunicación é unha guía para poder actuar a nivel comunicativo a medio e longo prazo, que suponse que ten capacidade de anticipación a diferentes escenarios”, explica Torres do traballo que cada grupo centrará nunha das entidades participantes. Trátase, lembra, “de asociacións e colectivos que teñen como obxectivo a mellora do rural”, pero que traballan en diferentes eidos, xa que entre eles figuran “desde centros de desenvolvemento rural a entidades de protección do territorio ou colectivos que están traballando na conservación de determinadas prácticas culturais”. 

Nese senso, a coordinadora deste ApS destaca a positiva acollida do alumnado a unha iniciativa que permite “botar unha man a entidades que fan un papel social importante e que necesitan moito apoio comunicativo, porque na maior parte do casos son iniciativas de carácter social que, se non se entenden e non se explican, non van conseguir os apoios suficientes para o seu funcionamento”. Nesa mesma Liña, García Romero pon o acento en que “unha das cousas que máis custa” a este tipo de movementos, “que normalmente son moi pequenos e teñen moi pouco acceso aos medios” é precisamente “comunicarse dunha forma efectiva”. De aí que incida no valor que teñen estes plans estratéxicos fronte a unha das “eivas máis importantes” destes colectivos, “que é non só chegar á poboación, senón tamén chegar coa súa propia voz". 

Concretamente, alén de Arredor do Rural, participan neste ApS tres centros de desenvolvemento rural, os CRD de Os Ancares; O Viso, da comarca da Limia, e Portas Abertas, de Verín, xunto a iniciativas como a cooperativa Somos Terra, que promove proxectos educativos e de cooperación local; ou o colectivo Espigadoiras, de Portomarín, que traballa na conservación de saberes tradicionais vinculados á artesanía e o territorio. Do proxecto forman parte tamén asociacións, como Avoar, que centra o seu labor no ámbitos dos coidados e o lecer, Euro-Eume, que traballa no desenvolvemento sostible nesta comarca; Rural Contemporánea, que leva a cabo iniciativas socioculturais; e a asociación de custodia do territorio Betula, das comarcas do Eume e Ferrol Terra. A relación de participantes complétase cunha iniciativa de inclusión social, a fundación Euromaia, e coa rede de intercambio de bens e servizos A Sabia Galega.

Primeira toma de contacto

Co obxectivo de que cada grupo “coñeza que fan e necesitarían deles” as diferentes entidades, este martes tiveron lugar as primeiras xuntanzas virtuais dos colectivos cos diferentes grupos de alumnas e alumnos. A partir de aí, o seu primeiro traballo será levar a cabo “un primeiro informe sobre a realidade desa entidade”, para logo trazar “unha diagnose das súas necesidades de comunicación”, antes de chegar á elaboración deses plans estratéxicos e a súa presentación aos diferentes colectivos. Así mesmo, explica Torres, o proxecto tamén contempla a posibilidade de que poida mesmo levarse a cabo “o deseño dalgunha iniciativa de comunicación específica” dentro das que se recollan nos diferentes plans.