DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de achegar ao estudantado ás necesidades reais do pequeno cliente

Alumnado de Publicidade e RRPP ponse ao servizo de empresas locais

O anunciante debe concibir a comunicación como un investimento e non como un gasto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 12/03/2012

Percibir e atender as necesidades do contexto local. Coa finalidade de que o alumnado se achegase á realidade da súa contorna, a profesora Ana Belén Fernández Souto decidiu que os seus alumnos e alumnas da materia Planificación Estratéxica das Relacións Públicas saísen á rúa na procura de retos comunicativos nas pequenas empresas da cidade de Pontevedra. “Trátase de que o universitario teña unha experiencia real xa dende as aulas e ao mesmo tempo educar aos negocios locais de que a comunicación é un investimento e non un gasto”, explica a Fernández Souto.

Este enfoque práctico naceu neste curso 2011-2012 coa dobre finalidade de achegar a titulación ás necesidades comunicativas do pequeno cliente e dar a coñecer a utilidade da publicidade e relacións públicas nos negocios dos pequenos empresarios da cidade. “O alumno comeza os estudos pensando en converterse nun gran executivo de marcas multinacionais e esquece que o pequeno comercio é un cliente ao que tamén hai que atender”, apunta Fernández Souto, polo que o estudantado tivo que contactar persoalmente cunha das 23 pequenas empresas escollidas pola profesora para solicitar información e coñecer de primeira man a súa estratexia comunicativa. “Ao ser empresas pequenas de ámbito local, moi poucas tiñan web da que recompilar información, polo que os alumnos víronse na obriga de manter entrevistas cos donos ou directivos, experimentando por primeira vez o trato directo e real cun posible cliente”, engade.

A comunicación, esa gran descoñecida

Esta experiencia achegou ao alumnado ás demandas da comunicación local, “un traballo máis ben de día a día”, destaca Souto. Os estudantes consideran que estas prácticas preprofesionais axúdanlles a achegarse ao mundo real da práctica publicitaria e “detectar cales son as necesidades dos pequenos negocios”. Comprobaron de primeira man que os anunciantes locais non contemplan nin pensan na vertente comunicativa á hora de definir as súas estratexias, “é coma se non existise, para eles todo xira arredor do prezo para convencer ao consumidor”, sinala Lorena Quintela, estudante de terceiro curso. O alumnado foi quen de explicarlle ás e aos propietarios que unha vez que sucede unha situación de crise, como unha intoxicación, “tamén hai que xestionalo a nivel comunicativo, cuestión na que nin reparaban a pensar”, engade Quintela. A pesar da falta de formación, os xerentes dos negocios amosáronse moi receptivos “e prestaron atención ás cuestións que lle sinalabamos como vitais”.

Aínda así, o estudantado conclúe que a comunicación no contexto local debe superar certas barreiras e prexuízos impostos polo pequeno anunciante “pois non concibe pagar a unha axencia de publicidade por un deseño xa que cre que é capaz de facelo el mesmo igual de ben e non é así”, apunta Cristina Rodríguez. A maiores esta actividade permitiulle ao pequeno anunciante coñecer o seu potencial comunicativo da man de futuros profesionais sen grandes riscos “xa que se trata dunha práctica controlada dende a facultade”, advirte a profesora. Entre os proxectos realizados para panadarías, cafetarías ou froitarías da cidade, como A Devesa, Acuña, La Ibense ou Frutas Katuxa, os máis comúns foron deseños de manuais de identidade corporativa, catálogos de empresa ou creación de websites corporativos.