DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia do director xeral do Instituto Español de Estudios Estratégicos

Alumnado de Relacións Internacionais achégase ao panorama xeopolítico mundial

Francisco Dacoba afondou no impacto da competitividade entre as grandes potencias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 13/11/2023

A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense acolleu este luns a conferencia Panorama xeopolítico 2024, ofrecida por Francisco Dacoba, director xeral do Instituto Español de Estudios Estratégicos. A actividade estivo organizada en colaboración coa Facultade de Historia e coordinada polo profesor de ambos centros Luis Velasco.

Tal e como puido coñecer o alumnado asistente, este Instituto Español de Estudios Estratégicos, encadrado organicamente no Centro Superior de Estudios de la Defensa Nacional, ten asignados dous labores fundamentais: "realizar as análises de carácter estratéxico necesarias para asesorar ás autoridades do Ministerio de Defensa en materias relativas á seguridade e á defensa e, complementariamente e como consecuencia do anterior, o de contribuír a manter informada á sociedade española de canto incumbe á preservación das súas liberdades, do seu benestar e, en última instancia, do seu estado de dereito". O relator amosou a súa satisfacción por ofrecer esta conferencia sobre xeopolítica ante alumnado universitario, neste caso especificamente de Relacións Internacionais.

Na súa conferencia, o ourensán Francisco Dacoba fixo “un repaso ao panorama internacional, aos papeis dos grandes actores da xeopolítica mundial e as repercusións que a competitividade, sobre todo entre as dúas grandes potencias, Estados Unidos e China, ten para o resto de actores da comunidade internacional, sexa a Unión Europea, e dentro dela España, ou sexa en calquera outro actor”. O experto analizou esas relacións e as tensións e conflictividades que esa competitividade xera. “O máis significativo é que nos atopamos que a orde multilateral que coñecíamos baseada en determinadas regras está sendo cuestionada por actores, fundamentalmente China, que teñen outro concepto das relacións internacionais e que obxectan un modelo que era netamente occidental, baseado nas Nacións Unidas, o Fondo Monetario, etc”. Así, lembrou, China propón “un mundo multipolar e iso xera unhas tensión moi fortes, de tipo económico, tecnolóxico e xeopolítico, que explican a conflitividade que hai en moitos escenarios, substanciadas nalgúns casos con guerras”.