DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas charlas impartidas no concello por titulados da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Alumnado de secundaria descobre ‘en galego’ os principais recursos naturais de Galicia

Esta semana arrancou no campus unha nova edición do curso sobre o software de lincenza libre RecMin

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 19/05/2017

Achegar a ciencia e a enxeñaría ao estudantado de secundaria e facelo empregando como vehículo transmisor o galego. Esta é a idea coa que os servizos de normalización lingüística da Universidade e do Concello de Vigo puxeron en marcha unha serie de charlas dirixidas, precisamente, a amosar ao alumnado dos institutos vigueses que en Galicia se fai ciencia e que, ademais, faise en galego. O primeiro centro en participar foi a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a ela uniuse este venres a de Enxeñaría de Minas e Enerxía, e fíxoo cunha exposición de carácter didáctico na que se amosan os principais recursos naturais de Galicia e seis minicharlas impartidas por catro ex-alumnos dos diferentes graos da escola.

A actividade, á que tamén se achegou o alcalde de Vigo Abel Caballero, tivo lugar no auditorio do concello e nela participaron un grupo de 80 rapazas e rapaces de dous institutos vigueses que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como é o aproveitamento actual e que ferramentas se usan para a exploración, explotación, elaboración, transformación e emprego dos principais recursos naturais do país. “O obxectivo é que coñezan as diferentes fontes de riqueza mineral das que dispoñemos en Galicia, dende o granito, aos áridos empregados na construción, a lousa, as augas minerais...”, explica a directora da escola, Natalia Caparrini, que fixo tamén referencia á importancia de polos ao día sobre as principais fontes de enerxía alternativas como a hidráulica, eólica, xeotérmica, solar e a obtida da queima de biomasa.

Arranca unha nova edición do curso RecMin

{smoothgallery album=11689}Organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, esta semana arrancou neste centro unha nova edición do curso sobre o programa RecMin, o principal software libre empregado para a investigación e a explotación de recursos minerais. “RecMin dispón das mesmas ferramentas ca outros softwares comerciais coas vantaxes engadidas de que é libre, está en español e ten actualizacións continúas”, explica a directora da escola, que fai tamén fincapé no feito de que o docente do curso, César Castañón, é o propio creador do software.

A apertura do curso, de 20 horas de duración, contou coa participación de Juan Ricoy, delegado en Galicia do colexio, e da profesora e secretaria do centro, Ángeles Saavedra, que explicou que esta é xa a cuarta edición do curso que se celebra na escola converténdose así nun dos de maior aceptación dada a súa utilidade.

Nesta edición, que se prolongará ata o vindeiro venres 26, achegarase a nova versión do programa, publicada recentemente, que incorpora moitas funcionalidades novas e diferentes melloras entre as que se destacou, novas ferramentas para a xeración de modelos 3D, xeoreferenciació, novos tipos de ficheiros e novos listados de obxectos.