DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lara Piñeiro e Sergio Pérez participan coa investigadora Laura Ruiz no encontro que se celebra en Me

O alumnado súmase ao debate da Rede de Universidades Saudables

Representantes de diferentes institucións participan nos grupos de traballo sobre nutrición e activi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 21/09/2017

A Rede Española de Universidades Saudables (REUS), da que a Universidade de Vigo forma parte e da que o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Román Lago é un dos vogais da súa xunta directiva, celebra nas xornadas de xoves e venres o seu quinto encontro en Menorca, dentro das actividades da XXVIII edición da Escuela de Salud Pública de Menorca. A institución viguesa está representada nestas xornadas de debate, centradas nos eidos da actividade física e da alimentación saudable, pola investigadora do campus de Ourense Laura Ruiz, así como por dous estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, Lara Piñeiro e Sergio Pérez, que se suman por primeira vez aos debates e aos seus grupos de traballo.

Coordinado polos investigadores da Universitat de les Illes Balears, Antoni Aguiló, presidente da REUS, Miquel Bennasar e Carmen Gallardo, este encontro buscaba involucrar aos seus debates ao alumnado das diferentes universidades, “co propósito de que dean a súa opinión, xa que eles son os principais receptores das diferentes medidas”, explica Lago. Así, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais abriu unha convocatoria na que Piñeiro e Pérez, integrantes da delegación de alumnado de CC da Educación e do Deporte, foron os seleccionados para acompañar a Ruiz, encargada de presentar neste encontro os proxectos e iniciativas que leva a cabo a Universidade de Vigo nestes eidos.

Intercambio de experiencias

“O primeiro que fixemos foi compartir experiencias e logo creáronse dous grupos de traballo, sobre actividade física e alimentación, nos que imos abordar diferentes cuestións”, explica esta investigadora predoutoral dun encontro no que participan 23 representantes das diferentes universidades da rede. “Moitos son vicerreitores polo que estanos a permitir coñecer unha visión diferente da que temos nós, desde fóra, das actividades e da súa promoción”, engade Piñeiro. Tanto ela como Pérez participan no grupo de traballo sobre actividade física no que, “como estudantes, teremos que dar a nosa visión desde o outro lado” das accións que promoven as universidades neste eido, mentres que Ruiz toma parte nos debates de alimentación saudable. “Está a resultar un encontro moi dinámico e interesante, do que nos levamos moitas cousas que se están facendo noutros campus e que nos parecen innovadoras”, salienta esta investigadora do dun encontro do que se agarda poidan saír documentos de traballo e conclusións que trasladar á próxima asemblea da REUS.