DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os Comités celebran desde este mércores as III Xornadas do Estudantado

O alumnado tamén ten a palabra nos grandes temas de debate

O movemento estudantil, o feminismo e o idioma son algunhas das cuestión tratadas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 10/04/2013
O movemento estudantil, o feminismo, a lingua galega ou a soberanía dos estados no marco europeo son grandes temas de debate que están moi presentes na sociedade actual. Para achegarse a eles tendo en conta os intereses do alumnado universitario, os Comités celebran desde este mércores na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense as III Xornadas do Estudantado baixo o lema Unir e organizar, organizar e loitar, loitar e vencer

“Estas xornadas son unha ferramenta para achegar coñecemento ao alumnado e para facelo partícipe dos grandes temas de interese na actualidade”, destacou Jonatan Buxán, responsable dos Comités no campus, durante a inauguración das sesións, sesión que tanto Elisa Alén, decana en funcións da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, como María Lameiras,  vicerreitora do campus de Ourense, desexaron que sexan moi frutíferas para a comunidade universitaria.

Para comezar, feminismo e lingua

Durante os días de celebración, as xornadas contarán con conferencias sobre a importancia do movemento estudantil galego; a educación durante a II República e a importancia da memoria histórica; o movemento feminista; a cartografía da esquerda; a poesía e a lingua; a perda de soberanía europea fronte á crecente soberanía latinoamericana e a globalización. Ademais, Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, presentará o seu libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, e proxectaranse os documentais A crise, o sistema e a soberanía. Si existen alternativas e Causa 1021. Consello de guerra contra os defensores da República en Verín. Para falar destes temas está previsto que participen nas xornadas Iria Aboi, responsable nacional dos CAF de 2004 a 2006; Daniel Candal, actual responsable nacional dos Comités; os docentes Xosé Manuel Cid, Marta Dacosta, Teresa Devesa, Duarte Correa e Alberte Blanco; a deputada Carme Adán, a activista feminista Goretti Sanmartín, o sindicalista Moncho Losada e o produtor Manuel Anxo García.

Precisamente foi Goretti Sanmartín a encargada de ofrecer este mércores a primeira das conferencias falando do papel das mulleres nas dinámicas de mantemento e substitución lingüística. “Así como hai outras variables, como a idade e xeografía, que se teñen en conta á hora de falar da lingua, o factor xénero permanece aínda oculto, a pesar de que xa está presente nas estatísticas e nos estudos. As mulleres da clase media e alta son un elemento fundamental na perda da transmisión xeracional da lingua, pois entre 25 e 50 anos, coincidindo co seu desenvolvemento profesional e a maternidade, non empregan o galego”, advertiu. Para Goretti Sanmartín o feminismo, a defensa da lingua galega e outras causas non son cápsulas separadas e defendeu a necesidade de ligar estas loitas para que teñan futuro.