DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto de aprendizaxe e servizo Humanizatrics

Alumnado de Traballo Social desenvolve propostas que promoven a perspectiva de xénero e o bo trato fronte o acceso tecnolóxico a contidos sexuais

Contando co apoio das asociacións Trama e Aseia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Diversidade
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Ourense 11/05/2023

Alumnado do Grao de Traballo Social, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, desenvolveu no último mes o proxecto de aprendizaxe servizo Humanizatrics. Contando co apoio de profesorado das universidades de Vigo e Santiago de Compostela e das asociacións Trama e Aseia (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia), traballaron no deseño e implementación de propostas que promoven a perspectiva de xénero e bo trato no uso que deben dar as e os adolescentes ás TRICs (tecnoloxías da relación, a información e a comunicación) á hora de acceder a contidos sexuais.

O proxecto está apoiado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e conta ademais co apoio da Cátedra Unesco. Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade e a da Facultade de Educación e Traballo Social. Nel participaron estudantes da materia de Xénero, Violencia e Intervención Social, de cuarto curso do Grao de Traballo Social, impartida pola profesora María José Vázquez Figueiredo, membro do grupo de investigación Psicoloxía Xurídica e da Saúde: Convivencia e Benestar. A iniciativa, detalla a docente, “xorde da colaboración continua que temos coa asociación Trama”. Este curso académico, apunta, “quixemos ir un pouco máis alá e implicar a distintas entidades sociais e profesores da universidade de Vigo e de Santiago de Compostela”, materializando un proxecto que é “froito de varios anos de traballo e entendemento entre as entidades sociais e a Universidade de Vigo”, sinala María José Vázquez.

O impacto das TRICs e os adolescentes

As TRICs, comentan desde a organización do proxecto, “participan e configuran as nosas vidas, mesmo naquelas cuestións máis íntimas, sen ser conscientes diso. Non somos os únicos que escollemos cando accedemos ás TRICs, dado que a cultura que se crea neste escenario faino por nós, inconscientemente. Constrúese unha burbulla na que se xeran mensaxes que estimulan determinadas tendencias; tal sería o caso que nos ocupa, a normalización do acceso a contidos pornográficos na poboación adolescente”. Así, detallan, “alguén que fai un comentario sobre este contido sexual, no virtual, recibe inmediatamente información doutros adolescentes que teñen opinións similares, o que reforza falsamente a crenza de que o mundo é así, e de que todos teñen a mesma opinión”. Segundo explican, neste contexto opérase “dentro de parámetros predeterminados, pero non baseados na empatía ou nunha ponderación entre beneficios e prexuízos que se esconden tras estes contidos”.

Esta situación, sinalan desde o proxecto, “pode pór en risco ao adolescente, xa que por estes medios circulan unha cantidade incrible de emocións e de vida. As relacións, a comunicación regular entre adolescentes e todo tipo de interaccións íntimas están agora filtrándose a través de dispositivos e software, algúns deles deseñados sutilmente para dar forma a un determinado patrón de interacción”. Neste contexto concreto, “o mellor que pode facer cada persoa, xa que as redes sociais e a interacción virtual chegaron para quedarse, é comprender como ambos os dous lados desta ecuación se traducen nas nosas vidas e esforzarse por maximizar o bo e mitigar o malo”. Así, o proxecto Humanizatrics pretende achegar “unhas recomendacións moi básicas sobre o uso que se debe dar ás TRICs para acceder a contidos sexuais, tendo en conta a perspectiva de xénero e o bo trato”.

Da formación á implementación

Humanizatrics, comenta Vázquez Figueiredo, iniciouse “cun proceso formativo que integrou unha saída de campo e complementouse cunha formación especializada impartida por profesorado universitario especialista en cuestións vencelladas á pornografía, que é tema obxecto de traballo”. Seguidamente, as e os estudantes comezaron os seu proxectos de investigación, tomando como referencia a materia na que se desenvolveu a iniciativa, e as orientación prácticas e especializadas que achegaron o equipo de Trama, membros da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia e o profesorado da Universidade de Vigo que colaborou na iniciativa.

Finalmente, as e os estudantes de Traballo Social puideron implementar as súas propostas con adolescentes usuarios de Trama en varias sesións celebradas na propia Facultade de Educación e Traballo Social. Nas sesións levaron a cabo a validación e axuste dos seus produtos psicoeducativos con perspectiva de xénero e bo trato e que foron deseñados para xerar “activar o pensamento crítico cando as e os adolescentes usen as TRICs, moi especialmente no acceso virtual a contidos”. O resultado da iniciativa, sinala María José Vázquez, “foi altamente enriquecedor”. Por unha banda, detalla, “ofrécese ao alumnado a posibilidade de aplicar e deseñar un produto que é útil para a sociedade, e por outra banda, lógrase aproximar a Universidade á sociedade, contribuíndo a facer comunidade”. Neste caso concreto, engade, traballáronse ademais os Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles con vinculación co xénero e xustiza social, relacionando todo o traballo co paradigma de xustiza terapéutica, “que pretende humanizar e xerar efectos terapéuticos nas persoas que están involucradas nos procesos xudiciais”.