DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserida nas actividades de Cátedra Álvarez-Ossorio e da Semana da Creatividade

O alumnado da UVigo e da Escola Naval Militar medirá as súas forzas nunha regata

Na tarde do xoves 20, con saída do Gremio de Mareantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 10/04/2023

Estudantes da Universidade de Vigo e da Escola Naval Militar (ENM) enfrontaranse o vindeiro xoves 20 na I Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra, unha competición que se desenvolverá na modalidade de barco dragón e na que participarán dúas tripulacións integradas por estudantes de cada unha das institucións, unha feminina e outra masculina. Programada para as 16.30 horas e con saída do Gremio de Mareantes, trátase da primeira regata que medirá ao estudantado da UVigo e da ENM, nunha iniciativa que nace con vocación de continuidade, “a semellanza da mundialmente coñecida” competición de remo que cada ano enfronta ás universidades de Oxford e Cambridge, como lembrou a ENM. 

A regata insírese tanto nas actividades que a Vicerreitoría do campus porá en marcha nas próximas semanas con motivo da Semana da Creatividade e da Innovación como das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a UVigo desenvolve conxuntamente coa ENM. Organizada coa colaboración do Club de Piragüismo Cidade de Pontevedra, a competición desenvolverase na modalidade de barco dragón ou dragon boat, unha disciplina deportiva orixinaria de China e que comezou a popularizarse en Europa na década 1990. Trátase de embarcacións compostas por 12 tripulantes, dez remeiros e remeiras, un temoneiro e un tripulante que leva o ritmo. Programada para as 16.30 horas, o torneo comprende tanto unha regata que enfrontará as dúas embarcacións tripuladas por alumnas da UVigo e da ENM como outra con alumnos de ambas institucións. En ambos casos, a proba contará cun percorrido de dous quilómetros e dúas ceavogas, desenvolvéndose en augas interiores da ría.

Un xeito de achegar o campus o río

Como “unha maneira de dar visibilidade” ao campus na cidade define esta nova proba o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que destaca así mesmo o positivo desta iniciativa á hora de “abrir o campus o río”, tendo en conta a proximidade do Lérez ao propio campus universitario. Nese senso, Torres destaca de que, ademais de tratar de “dar continuidade á propia regata”, outro obxectivo da Vicerreitoría é promover nos próximos meses novas iniciativas na contorna do río, á vez que se traballa tamén na preparación de novas actividades centradas no barco dragón. 

Ao mesmo tempo, esta iniciativa enmárcase tamén na colaboración que UVigo e ENM manteñen desde hai preto de dúas décadas no marco da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, froito dun convenio entre a Universidade do Ministerio de Defensa e na que se enmarcan un conxunto de actividades que, como lembra a Escola Naval, contribuíron “a aumentar o coñecemento mutuo e a relación entre ambas institucións”. Nese senso, desde a ENM tamén poñen o foco na vontade de que esta actividade “permaneza no tempo, converténdose nunha tradición para a cidade de Pontevedra”. De feito, no regulamento da proba recóllese que o trofeo irá a parar a institución que sume máis puntos nas dúas modalidades da competición mais, en caso de empate, este “será custodiado pola institución que teña asignada ese ano a presidencia da cátedra”, ata a seguinte regata.