DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus promove a construción dunha caseta no barrio da Parda

Alumnado e veciñanza sumarán forzas no proxecto 'Constrúe en verde'

O deseño da edificación correrá a cargo de estudantes de Belas Artes e Enxeñería Forestal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 20/12/2013
Estudantes e veciños traballarán da man no proxecto Constrúe en verde, que este venres botou a andar coa súa presentación na sede da asociación veciñal Pedra do Lagarto. A edificación dunha caseta no barrio pontevedrés da Parda, que responda ás necesidades definidas polos seus propios habitantes, é o obxectivo final desta iniciativa, que a Vicerreitoría do campus leva a cabo coa empresa Portal 48 e a colaboración do Concello de Pontevedra e do propio colectivo veciñal. Pero antes de levantar a cabana, a xente do barrio deberá opiniar sobre o seu futuro uso e o alumnado de Belas Artes e de Enxeñería Forestal responsabilizarse do seu deseño.

O acto deste venres foi entón só o primeiro paso dunha iniciativa que se estenderá ao longo do vindeiro ano e que se enmarca dentro do proxecto Green Campus, que ten entre as súas liñas de actuación “contribuír ao desenvolvemento de proxectos sostibles na contorna da Universidade", indicou Antonia Blanco, vicerreitoira do campus. Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social do Concello de Pontevedra, e Rocío Gómez Juncal, como representante da empresa promotora desta iniciativa, creada ademais por profesoras de Belas Artes, acompañaron a Blanco na presentación de Constrúe en verde.

Unha caseta que dea resposta ás necesidades do barrio

“Unir forzas” e contribuír coa “colaboración de todos á dinamización da cidade" é, como salientou Blanco, o obxectivo dun proxecto que implicará a participación de diferentes colectivos. Porque o primeiro paso estará dirixido a recompilar as opinións dos veciños e veciñas sobre a necesidade á que podería dar resposta a cabana. Por iso, ademais de convidalos a un vaso de chocolate quente, neste acto entregouse aos asistentes un cuestionario para que deran a súa opinión respecto do uso e o emprazamento que debería ter a futura construción.

Está primeira fase estenderase de aquí a finais de xaneiro e rematará cunha nova xuntanza coa veciñanza na que, en base ás opinións recibidas, se decidirá o uso que se lle dará á caseta. Será entón cando dea comezo o traballo do alumnado da Facultade de Belas Artes e da Escola de Enxeñería Forestal "que queira implicarse no proxecto”. No primeiro centro abrirase un concurso de ideas para o deseño da futura construción; mentres que estudantes e profesorado do segundo encargaranse de definir os condicionantes técnicos ou o tipo de madeira a empregar. Deste xeito, destacou Blanco, lógrase tamén contribuír a que o alumnado poida aplicar sobre o terreo os coñecementos adquiridos na súa formación cun proxecto no que tamén participarán estudantes do ciclo de técnico superior en madeira do CIFP A Xunqueira. E cando todo o deseño estea concluído, quedará aínda un último paso por dar; a propia construción da caseta, tarefa que se pretende que leven a cabo “todos xuntos”, alumnos e alumnas e veciños e veciñas.