DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o día 18 na Asociación San Roque

Alumnas de Belas Artes propoñen unha volta á fotografía analóxica coa exposición “KF400”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 02/06/2009

Cando xa case todos estamos rendidos á facilidade, inmediatez e baixo custe das cámaras dixitais, seis alumnas de Belas Artes propoñen unha volta á fotografía analóxica coa exposición KF 400. A mostra forma parte da materia de Extensión e repercusión da linguaxe artística, que imparte Silvia García, e o seu nome responde ao carrete que empregaron na realización das fotos.
O gran fronte ao píxel. Esa semella ser a batalla entre as dúas modalidades que, nesta ocasión, gaña a fotografía que nace nun cuarto escuro. As pezas expostas “recollen a maxia do laboratorio de revelado” e pretenden “ensalzar o proceso de creación”, segundo explican as autoras. A achega de cada unha das artistas recolle unha visión propia do mundo e unha maneira particular de colocarse detrás do obxectivo. Precisamente, as diferentes identidades que podemos atopar nun mesmo individuo son a raíz da peza de Aldara Outerelo que, cunha imaxe baseada nos carteis publicitarios dos anos cincuenta, presenta “a delgada liña que separa estas dúas disciplinas”. Unha liña que se cruza en moitas ocasións. “Ao longo dos anos a publicidade servíase da historia da arte, pero desde hai algúns anos as tornas cambiaron e agora é a arte a que se nutre do campo publicitario”, explica. Outro achegamento ao concepto de identidade é o que presenta María Rouco que emprega o retrato como base do seu traballo xa que é “a parte do corpo pola que antes se nos identifica”. A súa peza complétase cun marco de verbos porque considera que “as nosas accións son sempre determinantes e o ser e o facer son o marco no que o individuo perfila a súa identidade”.

Dualidades e pequenos detalles

Pola súa parte, Cristina Ulloa traballa sobre a “creación dunha dualidade do mesmo obxecto” cun rostro velado por unha película de plástico “que lle dá unha nova identidade: o suxeito pasa a ser obxecto envolto e empaquetado, listo para ser facturado”. Ademais, Ulloa presenta esa imaxe no fondo dunha caixa “porque o ser humano está condenado a habitar”. Mentres, Estefanía Rodríguez interésase "polo obxecto e a súa esencia, a súa pegada e ao mesmo tempo as distintas visións que teño del”. Así o seu traballo absorbe os pequenos detalles do día a día, eses que pasan desapercibidos e preséntase como cun xogo co espectador e coa súa percepción. Rodríguez manipula os planos nunha serie de fotografías que, cara o final, amosa o obxecto completo para que sexa recoñecible.
O urbano, a cidade, a máquina, as estadas, as trabes ou os cables conforman o universo de Aida Estrela que xoga “coa simplificación de elementos e cos diferentes puntos de vista” nas súas propostas. Ángela Garrido pecha a mostra cunha impactante imaxe titulada Fol in lof.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro día 18 de xuño e poderase visitar en horario de 18.30 a 21.00 horas.