DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun vídeo sobre o abuso do teléfono móbil titulado ‘La vida a través de una pantalla’

Alumnas de Educación Social gañan un dos premios do concurso sobre adiccións Tu Punto de Mira

Foi realizado no marco dunha materia do grao

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Premios
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Ourense 27/06/2023

Un grupo de alumnas da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense recibiu este martes un dos galardóns do 12º Concurso Adiccións: Tu Punto de Mira, financiado pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. As estudantes foron galardoadas por un vídeo titulado La vida a través de una pantalla no que quixeron pór en evidencia as condutas aditivas co teléfono móbil na vida diaria das persoas.

A entrega de premios tivo lugar este martes de xeito virtual nun acto no que participaron ademais das entidades organizadoras as universidades estatais galardoadas nesta edición, estando por parte da Universidade de Vigo Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; o profesor José María Faílde e tres das rapazas premiadas, que se conectaron desde a facultade ourensá para recibir o seu galardón.

A edición 2022/2023 do Concurso Adiccións: Tu Punto de Mira contou coa participación de 372 obras: 191 vídeos en YouTube/Vimeo, 109 carteis en Instagram e 72 vídeos en TikTok elaborados por alumnado de 50 universidades e de 30 centros educativos de educación postobrigatoria de 16 comunidades autónomas. A iniciativa é unha das accións do programa Tu Punto que, con financiación da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, do Ministerio de Sanidad, conta coa participación de 61 universidades españolas, entre elas a UVigo, e que está orientado a informar e sensibilizar sobre os riscos asociados ao consumo de drogas e outras adiccións comportamentais, promover hábitos de vida saudable e a favorecer procesos de reflexión crítica sobre diferentes conductas aditivas. Este programa conta coa colaboración da Red Española de Universidades Promotoras de Salud.

Valoración moi positiva

O vídeo La vida a través de una pantalla foi obra das alumnas do Grao de Educación Social do campus de Ourense Anxela Pérez, Judith Pedreira, Sandra Sánchez, Aldara Oddós e Ainoha Quintas e acadou neste certame o Premio Especial (Crédito ECTS), dotado con diploma e 900 euros. “No noso traballo o que quixemos abordar foi o tema das adiccións ás pantallas”, explican as galardoadas. Como futuras educadoras sociais apuntan que “críamos interesante poder tratar nun formato así un tema tan importante como as adiccións”. Para acadalo, as estudantes sinalan que fixeron un vídeo “moi sinxelo” no que “recollemos unha quedada de amigas que en vez de falar entre elas están cada unha co seu móbil, representando diferentes adiccións, como as apostas, os videoxogos e as redes sociais”. Co seu audiovisual sinalan que quixeron facer unha crítica a unha realidade “que podes ver en calquera cafetaría, que a xente en vez de falar entre si está co móbil”.  Moi satisfeitas e agradecidas por ter acadado este premio, as alumnas fan unha valoración moi positiva tanto da experiencia da elaboración do traballo como dos seus resultados.

Pola súa banda, Manuel Isorna e José María Faílde explican que idea de participar neste certame foi unha proposta lanzada ao alumnado no marco da materia que este profesores imparten en cuarto curso do Grao de Educación Social chamada Intervención Socioeducativas nas Condutas Aditivas. Arredor do 90% das e dos estudantes animáronse a presentar traballos ao concurso, felicitando os docentes ás alumnas premiadas e aos demais estudantes participantes polo esforzo realizado. A experiencia, apuntan, foi “moi positiva en xeral, aínda que moitas veces alumnado con moitos coñecementos e boas ideas para transmitir non consegue plasmalo nun vídeo”. Estes parabéns ao alumnado participante e galardoadas foron compartidos no acto de entrega por Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, que salientou a importancia de que as e os estudantes participen neste tipo de actividades que lles permiten formarse “en moitas outra cousas e chegar a onde non chegan os curriculums escolares, neste caso ao papel que ten a educación social nalgo tan importante como é a prevención das adiccións”.