DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un alumno de Belas Artes recibe o Premio Nacional á Excelencia no Rendemento Académico

Cristian Gradín elabora actualmente o seu proxecto de doutoramento centrado na videoarte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 07/06/2010

“É unha honra e unha grande axuda a nivel curricular”, así expresa Cristian Gradín Carbajal, alumno da Facultade de Belas Artes, a súa satisfacción tras ter recibido o Premio Nacional á Excelencia no Rendemento Académico Universitario. Outorgado polo Ministerio de Educación, este galardón valora os mellores expedientes de todo o Estado por grupos de titulacións. No caso de Gradín, foi recoñecido co segundo posto na Licenciatura de Belas Artes, por detrás dun alumno da Universidade Miguel Hernández.
O ministro de Educación, Ágel Gabilondo, encabezou o acto de entrega que tivo lugar o pasado día 25 de maio na Sala de Cámara do Auditorio Nacional de Música de Madrid. Malia non ter podido asistir á cerimonia e a pesar da tardanza na resolución da convocatoria, pois trátase da relativa aos licenciados no curso 2007-08, Cristian Gradín sinala que valeu a pena o tempo de espera e amosa a súa alegría con este recoñecemento, que ten unha dotación económica de 2.650 euros.

O truco está en "traballar, traballar e traballar"

Para ter bos resultados no ámbito académico o mellor que se pode facer segundo este alumno é “traballar, traballar e traballar”. Afirma que “todo depende de como xestiones os teus esforzos e da túa capacidade para apaixonarte co que estás a facer”. Para el, o máis difícil nunha carreira como Belas Artes foi administrar ben o tempo para desenvolver todos os traballos. “Hai que ter en conta que Belas Artes ten un forte carácter práctico e se queres mellorar tes que dedicarlle moitas horas”, apunta. Ao mesmo tempo, sinala que as altas doses de motivación fan máis doado levar a cabo todos os proxectos. “Producir unha obra é para min un pracer e máis nun ambiente onde compartes moitos intereses con alumnos e profesores”, sinala neste senso.

Interese pola Universidade e a investigación

Na actualidade Cristian Gradín está realizando os cursos de doutoramento. Nestes días ultima o seu traballo para a obtención do Diploma de Estudos Avanzados (DEA), centrado na animación e na videoarte no contexto dixital. Así mesmo, forma parte do grupo de investigación DX7 do Departamento de Debuxo da Universidade, do que destaca que “ten unha dinámica de traballo moi produtiva”. Neste senso, considera a Universidade e a investigación unha opción interesante para seguir desenvolvendo o seu traballo, pero sen esquecer o que cre máis importante no ámbito das Belas Artes, a faceta creativa.
A súa labor artística comprende tanto obras pictóricas como videográficas. Segundo explica, “tratan temas como a subxectividade, a identidade ou a infancia como terreo xerminal”. Ademais do seu traballo individual, impulsou xunto con Pablo Huertas a formación do colectivo El Ama de Casa Pervertida. “O noso traballo baséase sobre todo na apropiación a través de medios dixitais do imaxinario gráfico do franquismo, aínda que agora estamos facendo unha paréntese con obras máis materiais”, comenta Gradín. O seu obxectivo é poder seguir combinando a súa actividade creativa cunha dedicación académica, polo que está xa realizando prácticas no ensino impartindo algunhas clases na Facultade de Belas Artes.