DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso ten lugar esta semana no campus Sur da USC

Alumnos de 3º ciclo de Ciencias da Educación participan nun congreso de investigadores das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Marta Casanova DUVI 16/04/2008

Alumnos de terceiro ciclo das titulacións de Ciencias da Educación das tres universidades galegas, participan estes días nun congreso de investigadores organizado pola Universidade de Santiago de Compostela. Ao longo das xornadas, que comezaron este mércores e rematan o venres, sucederanse os seminarios e as conferencias, e ademais, co fin de intercambiar experiencias e debater os traballos desenvolvidos nas diferentes áreas de coñecemento do eido educativo, máis de 100 estudantes presentarán as súas comunicacións, entre os que se atopan numerosos investigadores dos tres campus da Universidade de Vigo.
Entre os relatores especializados, destaca a mesa redonda na que se falará do estado da cuestión investigadora no ámbito universitario, e na que participarán os tres vicerreitores galegos de Investigación: Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo; Concepción Herrero, da Universidade de Coruña, e María José Alonso, da USC.
O congreso, que conta con 250 prazas, está dirixido ao alumnado de terceiro ciclo, tanto na etapa de formación como na de tese de doutoramento, e aos estudantes dos últimos cursos das titulacións de Ciencias da Educación.

Unha iniciativa para a promoción do 3º Ciclo

O I Congreso de Investigadores de Terceiro Ciclo en Ciencias da Educación é unha iniciativa dun grupo de doutorandos da Facultade de Ciencias da Educación da USC e ten como obxectivo crear un espazo aberto de formación e participación do alumnado de terceiro ciclo, que sirva tamén para a promoción, o intercambio e a discusión das investigacións sobre a realidade socioeducativa. Á vez, é un marco para promover as diferentes liñas de investigación que se están a realizar neste ámbito en Galicia, reflexionar sobre as necesidades de futuro para o desenvolvemento profesional deste colectivo, e divulgar a oferta existente de axudas económicas para estes fins.

Máis información