DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor de campus e o decano en funcións estiveron presentes no acto

Alumnos de 4º de Publicidade e RRPP poñen en marcha o espazo de debate "Pont-e"

A creación deste grupo de Facebook está no marco da materia "Deseño publicitario e multimedia"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 14/05/2009

“Mis amigos me están buscando pero eso me da igual, sólo quiero publicar y ver el Facebook”. Estas liñas da canción coa que este xoves rematou o acto de presentación do grupo de Facebook Pont-e, creado polos estudantes da materia Diseño publicitario e multimedia da licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas, poderían considerarse o himno deste proxecto, un bo exemplo do potencial das redes sociais e de como poden chegar a converterse nun elemento dinamizador non xa dun grupo de estudantes, senón dunha cidade enteira e do compromiso que con ela mantén a Universidade.
A apertura oficial de Pont-e chega despois dun bo feixe de iniciativas para dar a coñecelo. Unha voda ficticia na Peregrina ou unha guerra de almofadas no centro son algúns exemplos das actividades realizadas. O grupo naceu da convicción da profesora Isabel Suárez de que “a docencia debe estar axeitada ao mercado real de traballo que nos últimos tempos ten sufrido cambios drásticos e agora emprega as redes sociais como ferramenta”. Concíbese, xa que logo, como “un espazo de debate das tendencias punteiras de publicidade pero tamén como unha rede e estrutura de apoio e axuda mutua”, indicou.

Compañeirismo

O entusiasmo que os alumnos e alumnas puxeron para levar adiante esta iniciativa (un grupo que Suárez non dubidou en calificar de “mítico”) reflectiuse nas palabras de Marta Sanjurjo, representante do estudantes, que comentou que o traballo “pagou a pena por ter traballado con compañeiros cos que antes apenas falara” e rematou a súa intervención cun “Pont-e es la leche”.
Ao acto tamén acudiron o vicerreitor do campus, Jesús Hernández, e o decano en funcións da facultade, Xulio Pardellas. Hernández confesou que “se por algunha causa un está contento de ser vicerreitor é por cousas coma esta” e gabou o espírito do proxecto de “ir máis aló das aulas, transcender o espazo de ensinanza e dar á sociedade todo o que a Universidade pode achegar”. Pola súa parte, Pardellas recordou unha enquisa que lle fixeron recentemente sobre a incorporación da muller ao traballo e a súa presenza en labores tradicionalmente masculinas para loubar o bo facer dos estudantes promotores de Pont-e, boa parte dos cales son mulleres.

"Sneakers" como premio

En todas as semanas que o grupo leva traballando a Isabel Suárez premiaba cunha sneaker a aqueles que máis esforzo realizaran. Para pechar o círculo, o acto tamén serviu para agradecer, con esta particular distinción, o apoio que o profesor Alberto Dafonte lles ten dado. O vicerreitor e o decano tamén recibiron este particular agasallo nun acto orixinal no que as continuas interrupcións de figuras como o afiador ou o cobrador do frac chamaron a atención e que rematou cunha actuación musical.