DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra atópase na Galería Trinta, unha das máis destacadas de Galicia

Alumnos de Belas Artes conxelan o tempo na exposición “Moi d’après moi”

O profesor Ánxel Huete coordinou o proxecto

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 25/09/2009

En branco e negro ou cor, mirando directamente á cámara, evitándoa ou buscando a complicidade dun espello, espidos ou vestidos. Son algunhas das encrucilladas que un grupo de alumnos de segundo de Belas Artes atoparon no seu obxectivo de autorretratarse, de recoñecerse, presentarse aos demais e mirar cara a eles. O resultado, está en Moi d’après moi (Eu por min mesmo), unha exposición que ata o vindeiro 20 de outubro exhibirá os traballos destes dezanove estudantes na Galería Trinta de Santiago de Compostela.
Sandra Agra, Ignacio Alonso, Marga Araújo, Ana Arias, Antón Caamaño, Cris Durán, Yolanda Fernández, Teresa Ferreiro, Linet Heredia, Iñaky Pérez, Sandra Martínez, Bea Mazaira, Teresa Pece, Sabela Rial, Ana Sánchez, Clara Sobrino, Irene Vidal, Beatriz Vila e Ana Villarino compoñen a nómina de alumnos e alumnas que nestas datas comezan o terceiro curso do grao. Segundo explica o seu profesor e comisario da exposición, Ánxel Huete, trátase “dun traballo baseado en aspectos teóricos concretos, unha volta ao autorretrato na perspectiva da tradición pictórica, onde a foto se emprega como instrumento”. Nese proceso, os estudantes “buscaron situacións de tensións, con vontade de fotografar e fixar o tempo e non tanto a eles mesmos”, apunta Huete. Unha idea, a do transcurso do tempo, nada doada de facer entender ante a xuventude dos seus alumnos.

A fotografía baixo a ollada do artista

A materialización desta reflexión está baseada nun serio estudo da tradición pictórica do autorretrato, propia da materia de Pintura que Huete imparte no grao en Belas Artes, e das achegas de figuras como Leon Battista Alberti ou outros contemporáneos. Pode sorprender que desde unha materia de pintura se aborde unha exposición composta de fotografías pero, segundo explica Huete “a fotografía está instrumentalizada, hoxe a tecnoloxía dixital permite ignorar bastante a técnica e realizar este tipo de exercicios, desde o extremo da sinceridade ata o finximento de situacións”. Unha maneira de constatar que “baixo a ollada do pintor, a imaxe fotográfica cambia de estatus”. Outro dos aspectos sobre o que os alumnos tiveron a oportunidade de reflexionar na preparación do exercicio foi a lóxica do index, que constata que tamén na fotografía “existe unha relación de continuidade co referente”, explica Huete.
A maioría dos artistas que integran a mostra son mulleres e este feito tamén apunta unha reivindicación, a da liberdade feminina de contar o seu propio corpo e dar conta da súa propia imaxe fronte á que impera na sociedade, desde o punto de vista do varón. E é que, máis aló de ser un proxecto da súa etapa de formación, o exercicio foi unha práctica de coñecemento ou autocoñecemento porque, tal e como expón o decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia, no texto dedicado a esta mostra, cos seus autorretratos expóñense “á mirada do outro: así son, así me vexo, así me ves, así me amoso, así te miro, así te ves”.

Primeira exposición para moitos deles

Moi d’après moi é, para moitos dos estudantes, a primeira oportunidade de expor os seus traballos ao xuízo do público. E aínda que xa tivesen colaborado noutras mostras, o que é seguro é que por primeira vez exhiben as súas pezas nun espazo como a Galería Trinta, “de primeira liña en Galicia” e “nunha mostra que ten peso en canto á argumentación discursiva”. Ao abrir as portas a estes incipientes artistas a galería “amosa ousadía”, apunta Huete, “a expresa a súa vontade de conectar cos máis novos e coa facultade de Belas Artes”.