DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A partir deste xoves

Alumnos de Belas Artes empregarán os escaparates da cidade para educar sobre a arte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 03/12/2008

Durante os próximos días, os alumnos da materia Didáctica das artes plásticas do terceiro curso de Belas Artes tomarán algúns escaparates da cidade co obxectivo de educar á sociedade na arte. Os estudantes sorprenderán os viandantes coas súas propostas e a interacción do público será fundamental no seu proxecto, xa que unha parte do traballo proposto pola profesora Paloma Cabello consiste en avaliar a eficacia desta práctica docente.
Librarías, tendas de moda ou de mobles de cociña son algúns dos espazos escollidos para as súas intervencións. Para poder empregar os escaparates os alumnos tiveron que conseguir o permiso dos establecementos e, a pesar da campaña de nadal, algúns se mostraron moi entusiasmados coa iniciativa.
A elaboración deste proxecto, ademais do deseño da intervención, a súa realización e avaliación da súa efectividade de cara ao público tamén inclúe a elaboración dunha nota de prensa. De este xeito, cedémoslles a palabra para que sexan eles mesmos os que expliquen as súas propostas.

O xoves comezan as instalacións

O xoves comezará a preparación da instalación na libraría Paz, un referente para os alumnos de Belas Artes polo seu amplo catálogo de cómics e mangas, de Ángela Curro e Antía Cea, que “busca achegar ao espectador á arte contemporánea, olvidar o concepto de arte do século XIX, ancorado dentro dun espazo expostivo". A partir do venres estarán preparadas as instalacións de Andrea Lage, María Baamonde e Cillas Rodríguez, que realizarán unha intervención artística no escaparate de The Singular Kitchen, situado na rúa Doutor Loureiro Crespo 57, coa finalidade de "achegar as artes plásticas á vida urbana a partir da obra do famoso autor Piet Mondrian”. Pola súa parte, o grupo de alumnos formado por Andrea Pérez, Antía Mosquera, Begoña Mumary, Keila Fernández e Ruth Núñez, “coa intención de situar ao espectador dentro do escaparate e xogando cos límites entre a realidade e o debuxo, convertirán o espazo nunha viñeta de cómic” en Torrado (r/ Oliva, 22-24). O último punto de referencia desta actividade será a tenda de moda Gg, na praza da Peregrina, onde Roi Barros e Ramiro Abilleira, empregarán imaxes da recente edición de Chámalle X para sorprender o público.