DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Sala de Restauración da facultade

Alumnos de Belas Artes propoñen un particular descenso aos infernos a través da exposición “Gabinete de las pesadillas”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 05/03/2009
O pesadelo converteuse en realidade. Así ocorreu na inauguración, este mércores, da exposición Gabinete de las pesadillas, unha mostra que recolle os traballos realizados por sete alumnos do quinto curso da licenciatura de Belas Artes. As pezas, que se exhiben na Sala de Escola Superior de Restauración de Bens Culturais de Galicia, integrada na propia facultade, amosan as fobias, medos e infernos de cada un dos artistas mediante cadros, instalacións ou esculturas.
Gabinete de las pesadillas, que estará aberta ao público durante dúas semanas, é “unha viaxe aos submundos, os pesadelos, os monstros que conforman seres informes, situacións perversas e sentimentos confusos”, segundo explican os artistas. Neste descenso aos infernos cada un deles elixiu o seu fragmento preferido do pesadelo. Así, nas dez pezas que integran a exposición reflíctese o medo ao deforme nas pezas de xabón de Silvia Moure ou a fobia as arañas de Yasmina Moreira. A serie de fotos corroídas que plasman o estrago das paisaxes naturais polo avance da construción plásmase na obra de Noelia López, mentres que César Barbolla traballa sobre o concepto de transformación nas súas fotos, capturadas cunha velocidade de obturación moi lenta. Pola súa parte, Sabela Barreiro achega a Gabinete de las pesadillas dous cadros pintados con mofo e graxa e Leticia González afonda coa súa instalación na perda de identidade. Finalmente, Ana María Molina pretende sorprender ao visitante coas “sorpresas” , poida que non moi agradables, que agardan nos caixóns dun moble.

Inspiración nos "Gabinetes das marabillas"

Na concepción da exposición, os alumnos da materia de Laboratorio de tendencias II, que este ano impartiu Carlos Aldao, inspiráronse nos "gabinetes das marabillas" do século XV. Trátase de lugares que albergaban multitude de obras de arte e onde se expoñían obxectos preciosos, estraños ou curiosos.Estes espazos foron un dos xermes da actual museoloxía e foron empregados polos alumnos para convertelos no marco dun concepto común da súa obra: a monstruosidade.