DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de entrega dos diplomas estivo presidido polo vicerreitor, Pedro Membiela

As alumnos do Programa para Maiores superan o desafío e convértense en graduados

O campus despediu á primeira promoción do ciclo intensivo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 23/10/2008

Orgullosos do traballo feito. Así se sinten os quince alumnos do Programa para Maiores logo de recoller o diploma que acredita a súa graduación universitaria. Nun acto conxunto celebrado para os nove alumnos da cuarta promoción do Graduado Universitario Senior e os seis que xa remataron o segundo ciclo, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, felicitounos polo seu éxito, agradeceulles “o seu esforzo, que enriquece a toda a comunidade universitaria” e recordou que “en cada etapa da vida seguimos aprendendo”.
Os graduandos recibiron os diplomas da man do responsable do programa, José María Gil Villanueva, e estiveron acompañados polas súas familias e algúns dos seus profesores, a quen representou Ángeles Tomé Rosales, que destacou a aprendizaxe de linguas estranxeiras e o emprego das novas tecnoloxías como “desafíos” que os maiores superaron ao longo do ciclo académico.
Por parte dos alumnos, María del Pilar Rodríguez Blanco, alumna do primeiro ciclo, quixo ter un recordo para os que non puideron asistir á cerimonia de entrega de diplomas e tomou frases dos seus compañeiros para sinalar que “os nosos pais estarían orgullosos de nós” e afirmar que “envellecer é obrigatorio e crecer, opcional”.

Fame de coñecemento

Contento co obxectivo conseguido, José Luís Vidal, alumno da primeira promoción dos Graduados Superiores Sénior, confesou que o programa atendera “unha necesidade de formación continua, de curiosidade polo saber”, algo moi útil para “prepararnos para esta nova etapa e ter algo que aportar á sociedade”. Igual de satisfeita estaba María Nieves Álvarez que comentou que o programa lle servira “para refrescar a memoria porque sendo ama de casa só a empregaba para facer a lista da compra”.
Neste novo curso académico, a Universidade de Vigo continúa abrindo as súas portas aos maiores de 55 anos. Quince novos matriculados xa comezaron as súas clases no primeiro curso e súmanse aos 29 que completan a súa formación nos cursos superiores.