DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha laranxa facendo autostop é o eixo do proxecto

Alumnos de Publicidade e RRPP elaboran unha campaña para o Banco de Alimentos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 19/12/2008

Se estes días atopan ao pé da estrada unha laranxa, cunha maleta ao seu carón e facendo autostop cara ao Banco de Alimentos non freguen os ollos, están ante un campaña realizada polos alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicacíon. Hai moitas formas de que cada un de nós achegue o seu gran de area na axuda aos máis necesitados. Unha delas pode ser axudar aos que axudan aos máis necesitados como é o caso desta campaña que nos próximos días estará presente na televisión, nas radios, na prensa escrita e en internet ao carón de outras moitas campañas de grandes almacéns ou institucións.
Un laranxa facendo autostop é o eixo deste traballo co que se pretende dar visibilidade a esta institución sen ánimo de lucro, que non entrega a comida directamente á xente senón que lla ceden a outras entidades, como o comedor dos Padres Franciscanos en Pontevedra, que as distribúen entre os necesitados. Con esta imaxe pretenden difundir a idea de que o millón de quilos que cada ano distribúe a institución non chega, senón que se precisa da colaboración da sociedade.
Paloma Barreiro, Nuria Blanco, Marga Figueroa, Susana Gómez, Elena Pena, Marta Sanjurjo, Luis Solarat e David Sousa conforman o grupo de alumnos de terceiro e cuarto curso da Licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas que, coordinados polo profesor Alberto Dafonte, empregaron todos os seus coñecementos e a súa creatividade nesta iniciativa, “aínda con máis interese ca nos traballos da clase”, sinala Dafonte. Pero máis aló deste núcleo, outros profesores colaboraron no proxecto, como Manuel Torrente, que lle puxo voz ao anuncio de televisión ou Manuel Fernández Areal, que realizou o contacto co Banco de Alimentos, ademais do apoio da facultade. Unha iniciativa redonda da que se beneficia o Banco de Alimentos pero tamén os alumnos, que vén reflexado nos medios o froito do seu traballo.

En xaneiro, un documental

O anuncio, que desde onte xa se está emitindo nalgunhas televisións locais, pode verse en YouTube e os alumnos ampliaron o proxecto coa posta en marcha dun blog no que a laranxa é a auténtica protagonista explicando o proceso de creación e achegando información do Banco de Alimentos de Vigo. Nas reunións cos voluntarios da institución, os alumnos atopáronse cun bo puñado de historias que paga a pena ser contadas e sobre as que xa están traballando para a elaboración dun documental que se emitirá o ano vindeiro nas televisións locais, que xa amosaron o seu interese.