DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Paulo Rui Pires e José Otero, galardoados en Grao Superior e Medio, respectivamente

Alumnos das universidades Fernando Pessoa e Vigo gañan os primeiros premios do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

O primeiro premio foi para un traballo de monitorización remota de pacientes

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 03/12/2008

Tras unha longa deliberación, o xurado do 8º Concurso de proxectos tecnolóxicos ditou sentenza e dos 14 participantes, reunidos no salón de actos de Expourense, tan só seis recibirían o cobizado trofeo e a dotación económica. Finalmente o primeiro premio na categoría de grao superior (titulacións superiores) foi para Paulo Rui Pires Gonçalvez da Universidade Fernando Pessoa de Porto polo seu traballo Monitorizaçao remota de pacientes em casa, mentres que no grao medio(titulacións técnicas) o gañador foi José Otero Iglesias pola elaboración dun sistema on-line de visualización de catálogos de empresa.
O xurado formado polos profesores da Área de Linguaxes y Sistemas Informáticos da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Mosquera; do Departamento de Informática da Universidade de Vigo, Manuel Pérez Cota; da Facultade de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade Fernando Pessoa, Álvaro Rocha e por Beatriz Monfort, do Parque Tecnolóxico de Galicia e Antonio González, da Consellería de Innovación e Industria, amosouse moi satisfeito cos resultados obtidos, “estamos moi contentos con todos os proxectos, este ano mellorou a calidade e vese unha clara orientación á empresa que era o que buscábamos”, comentou González, presidente do xurado.
Durante o acto de entrega de premios Xosé Antón Jardón, delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria, destacou que “este é o camiño para vincular a investigación da universidade co mundo empresarial. As empresas teñen que decatarse do potencial que temos aquí”. Pola súa banda, tanto Enrique Barreiro, director da Escola de Informática, como Alejandro Rubín, director xerente de Expourense coincidiron en afirmar que “os resultados do concurso son positivos e estamos moi satisfeitos”, dixo Barreiro.

Participantes e premiados

Nesta oitava edición o concurso abriuse aos estudantes portugueses, por iso, de entre os 14 proxectos presentados, dous proviñan do país veciño. Seis foron en total os premios que se outorgaron, tres na categoría de grao superior e outros tantos na de grao medio. No momento da deliberación, o xurado tivo especialmente en conta que os traballos estivesen elaborados en lingua galega ou portuguesa, que existise desenvolvemento de software fose libre e que tivesen unha clara orientación cara a innovación empresarial.
A xornada comezou coa presentación dos proxectos por parte dos participantes, tras o cal o xurado retirouse ata o momento de pronunciar o veredicto.
Na categoría de grao superior o triunfador da mañá foi Paulo Rui Pires Gonçalvez, da Universidade Fernando Pessoa de Porto, que recibiu polo seu traballo Monitorizaçao remota de pacientes em casa, o primeiro premio, dotado con 1.250 euros. O segundo premio foi para a unha das dúas mozas que se presentaron ao concurso, Marta Prado Fernández, da Universidade de Vigo, que elaborou un traballo titulado Multienquisas, un sistema que permite coñecer o grao de satisfacción dos clientes dunha empresa mediante enquisas a través da web e da PDA. O terceiro premio levouno Miguel Reboiro Jato, tamén da Universidade de Vigo, co seu Sistema de predición e planificación de produción de penso en Coren, un proxecto que ten como finalidade a planificación e optimización tanto da produción como da distribución do penso fabricado por Coren.
Xa no grao medio os galardoados foron José Otero Iglesias, co primeiro premio, pola elaboración dun Sistema on-line de visualización de catálogos de empresa. Miguel Álvarez Úbeda, recibiu o segundo galardón grazas a súa Ferramenta de análisis de redes no sistema de información xeométrica que permite transformar a cartografía matematicamente e proporcionar unha rutá óptima dun punto a outro atendendo a parámetros que indique o cliente. O terceiro premio foi para Javier Terceiro López e o seu proxecto Xen, a solución perfecta para aforrar no seu negocio. Nesta categoría tanto o primeiro como o terceiro premiado pertencen a Universidade de Vigo, mentres que Álvarez é da Universidade da Coruña.

O gañador

O protagonista da mañá foi Rui Pires Gonçalvez que co seu proxecto sobre a monitorización de pacientes con dificultades de movemento ou discapacidades confirmouse como o máis innovador. Grazas ao seu sistema de control e coa axuda de internet, os familiares, ou o propio médico, poden vixiar aos pacientes na súa casa. A través dun cinto contrólase o eixo das persoas, o ritmo cardíaco e a temperatura, estes sinais son enviados vía internet e grazas a un programa que o médico ou os familiares terán na súa casa poderán ter conta dos pacientes sen necesidade de estar no seu fogar.