DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luis Rodríguez Ennes analiza nun artigo as ideas xurídicas do escritor galego

Álvaro Cunqueiro tamén era un home de leis

O catedrático ourensán salienta o uso prolífico e preciso que fixo o mindoniense nas súas obras do d

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 18/01/2013

“Fun preso, e porque me deron domiciliado co meu amo en Le Mans, pasáronme certificado á xustiza de París. Aí –dixo o escribano- tamén podería recorrer coa Lex Lunia de Peregrinis”, escribía Álvaro Cunqueiro na súa obra As crónicas do Sochantre. Este é o primeiro dos exemplos cos Luis Rodríguez Ennes, catedrático de Dereito Romano da Universidade de Vigo, ilustra nun artigo do Anuario da Facultade de Dereito 2012 a habitual e pertinente cita de lexislación e institucións xurídicas que fai Cunqueiro nos milleiros de páxinas que saíron da pluma do xenial escritor mindoniense e que amosan o seu gran dominio nesta área do saber.

“O poder verbal de Cunqueiro era certamente singular, comprendendo desde a lingua máis cotiá, que adornaba co supremo aliciente da beleza literaria, ata o vocabulario pertencente aos recunchos máis particulares e especializados, como a botánica, a zooloxía, a cociña, a toponimia, a medicina ou a farmacia”, explica Rodríguez Ennes. Moitas destas facianas foron xa estudadas por diferentes expertos, polo que o catedrático ourensán decidiu achegarse ás ideas xurídicas de Álvaro Cunqueiro, “pois ningún estudoso da súa obra dedicou unha liña á presenza dos saberes xurídicos no pensamento do escritor, a sabendas de que o dereito constitúe un dos aspectos máis cabais do espírito dun pobo”, apunta o docente do campus de Ourense, que se embarcou nesta investigación pola súa admiración polo escritor galego e pola súa familiariedade coa súa obra grazas á amizade mantida co seu fillo, César Cunqueiro, e porque a propia muller de Rodríguez Ennes, Luisa Blanco, realizou a súa tese de doutoramento sobre este autor.

Fabulación literaria pero corrección xurídica

"Cunqueiro non foi un tratadista metódico, senón máis ben un escritor xenial que aborda con extraordinaria lucidez un amplo abanico de saberes humanos, entre eles o dereito, onde, como noutras facetas, amosa posuír un acervo e unha intuición envexables provintes do seu fondo coñecemento do sentido xurídico que aniña en todo galego”, destaca o autor do artigo, que apunta como o propio fillo de Cunqueiro, que exerceu de notario, se sorprendou dos coñecementos do seu pai na materia ao revisar a súa obra literaria.

Ao longo do seu artigo, o docente da Facultade de Dereito fai patente como Cunqueiro nos presenta un amplo elenco de leis da antigüidade romana, rigorosamente históricas, co seu nome completo en latín e, sobre todo, empregadas con precisión en cada contexto. “Un romanista coma min, con 40 anos de experiencia docente e investigadora, non deixa de asombrarse pola erudición curialesca dun escritor teoricamente profano na materia”, comenta con admiración Rodríguez Ennes. “Os máxicos dons de invención e fantasía que Cunqueiro prodigou non significaron falta de rigor nun mundo tan especializado como o xurídico. Basta con cotexar As Crónicas do Sochantre e Vida e Fuga de Fanto Fantini para comprobar con que precisión e oportunidade cita as leis romanas, a glosa boloñesa, as decretais canónicas, os dereitos señoriais ou complexas institucións hereditarias”, comenta o xurista.

Na súa análise da obra narrativa do mindoniense, o catedrático de Dereito tamén recolle a constante presenza de institucións historico-xurídicas. "No variadísimo corpus cunqueirano ponse de manifesto un universo de institucións xurídicas de todo tempo e lugar, desde os tabellións da antigüidade clásica aos notarios contemporáneos, e un asombroso dominio dos latinismos propios da linguaxe xurídica", comenta Rodríguez Ennes. “Polo seu contacto natural coas xentes, Cunqueiro transmítenos tamén en innumerables páxinas un dereito vivido e afastado da prosa académica. Soubo moi ben recoller as sutilezas dos costumes xurídicos galegos e a idiosincracia do galego respecto ás leis e aos seus operadores”, explica.